Solapas principales

O Apalpador anima as familias de Ames a abrazarse ás árbores e á lingua

Jueves, 22 de diciembre de 2022

Máis de catrocentas persoas reuníronse o pasado venres pola tarde no patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns para recibir o Apalpador. A figura tradicional do Nadal galego, interpretada por Anxo Moure, agasallou á cativada con contos, cantos e cunha amizade de por vida. As nenas e nenos que visitaron ao Apalpador levaron consigo unhas pequenas árbores traídas da Serra do Courel, que deberán coidar falándolles e plantándoas nun bo lugar, para botar raíces fortes e medrar xuntos e xuntas.

O Apalpador, o Pandigueiro e a Banda da Montaña, xunto co burriño Lor cargado de agasallos, colleron rumbo a Ames para engaiolar coas súas historias ás familias e aos nenos e nenas que asistiron ao encontro. A través destes contos, amosaron a súa preocupación pola lingua galega, por unha boa alimentación e polo coidado do medio natural. Nesa tentativa, as árbores constitúen un vehículo para construír a metáfora da vida e das raíces. Así, da mesma maneira na que as árbores enchen de vitalidade o noso planeta, a rapazada nutre ao galego para que bote raíces e medre de xeito saudable e natural.

Para reforzar este vínculo entre as crianzas, a natureza e a lingua, o Apalpador repartiu uns agasallos moi especiais á cativada que o foi visitar: unhas árbores autóctonas nadas na terra do Apalpador, a Serra do Courel, que as nenas e nenos deberán coidar e plantar nun bo lugar. As máis de 200 árbores, entre as que se atopaban érbedos, loureiros, aciñeiras e sobreiras, foron acompañadas dun “carné de árbore”, para que a rapazada escriba e recorde o nome da árbore, o lugar e o día onde se plantou, e as cousas que lles contaron antes de seren plantadas na terra.

Á actividade asistiron máis de catrocentas persoas, reunidas ás 18h da tarde do pasado venres 16 de decembro. O contador Anxo Moure foi o encargado de interpretar ao Apalpador, como parte do seu proxecto cultural e medioambiental “Contos solidarios”, co que percorre Galicia, Asturias, Portugal e o Bierzo dende o ano 1989. Desta vez, veu acompañado do señor Pandigueiro e da Banda da Montaña, que se encargaron de amenizar as historias con música e baile.

Estes seres máxicos animaron as familias asistentes a despedir o ano abrazándose ás árbores e á lingua para conseguirmos un mundo máis xusto, máis colorido e máis diverso.

Máis de 400 persoas achegáronse a ver ao Apalpador

Multimedia

  • O Apalpador anima as familias de Ames a abrazarse ás árbores e á lingua
  • O Apalpador anima as familias de Ames a abrazarse ás árbores e á lingua
  • O Apalpador anima as familias de Ames a abrazarse ás árbores e á lingua
  • O Apalpador anima as familias de Ames a abrazarse ás árbores e á lingua