- Tematica
Durante a madrugada do pasado 12 de novembro, a pantalla led que está instalada na fachada da Casa do Concello foi vandalizada. En dita pintada pódese ler “ALTRI NON”. Este acto foi denunciado no cuartel da Garda Civil do Milladoiro. Dende o goberno municipal condenan este acto incívico que suporá un gasto de 6.536,42 euros de fondos públicos de todos os veciños e veciñas de Ames. O alcalde vén de recibir a chamada de Marta Gontá, da Plataforma Ulloa Viva, que condena o acto vandálico.
O Concello de Ames condena o acto vandálico a través do cal pintaron a pantalla informativa da Casa Consistorial. Dita pantalla apareceu a mañá deste pasado martes, 12 de novembro, cunha pintada en spray vermello que pon “ALTRI NON”. Hoxe mesmo os feitos foron denunciados no cuartel da Garda Civil do Milladoiro.
O alcalde de Ames, Blas García, explica que “este ataque contra un ben público que nos vai a custar a todos e a todas os amesás arredor de 6.500 euros. O que estou seguro é que a xente seria que está en contra de Altri non se dedica a facer estes atentados contra os bens públicos, que teñen pouco de reivindicativo e moito menos aínda de serio e responsable. Xa está posta a correspondente denuncia e oxalá se saiba quen foi o autor da pintada para que este acto non quede impune”. Por outra banda o rexedor, que só recibiu a chamada da voceira popular, Oliva Agra, bota de menos unha condena unánime do acto por parte de todos os grupos municipais pois “o fin nunca xustifica os medios”.
A presidenta e voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, púxose en contacto co rexedor municipal para rexeitar este tipo de condutas incívicas e condenar este acto vandálico que en nada axuda a labor que desenvolve dita Plataforma.
Dende o Concello de Ames puxéronse en contacto coa empresa encargada da instalación e mantemento das pantallas informativas municipais, para solicitarlle un presuposto para arranxar a pantalla danada. Dende a empresa estiman o arranxo en 6.536,42 euros. Indican que a pintura que recibiu o módulo danou a máscara onde están situados os píxeles, iso provoca unha perda total de contraste no contido reproducido. Moitos dos píxeles non se poden salvar e por custes compensa a substitución dos módulos que compoñen a pantalla.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Aparece unha pintada de 'Altri Non' nunha pantalla luminosa do Concello de Ames"
La Voz de Galicia: "El Concello de Ames pagará más de 6.500 euros para reparar una pantalla informativa dañada por una pintada contra Altri"
Lindeiros: "Pintadas contra ALTRI na Casa do Concello de Ames"