Solapas principales

O atleta amesán Daniel Paz proclámase campión galego absoluto de trail ao gañar na Serra do Barbanza

Jueves, 21 de abril de 2022

Cun tempo de 2:18:14, Daniel Paz, veciño de Ames e atleta do Brión Hyupersa Santiago, gañou a presente edición do campionato galego de trail running, que se celebrou este pasado domingo 17 de abril na Serra do Barbanza. Máis de cento cincuenta persoas participaron nunha proba que serviu para compoñer a selección galega que competirá no campionato de España por autonomías. Pola súa banda, na categoría feminina a campioa foi Verónica Calvo, do Club Atletismo Sar, cunha marca de 3:03:47.

Os atletas Verónica Calvo e Daniel Paz proclamáronse esta fin de semana campións galegos en categoría absoluta de trail running, despois de gañar a proba desenvolvida nesta edición na Serra do Barbanza. No evento, que contou cun esixente circuíto de algo máis de 25 quilómetros, participaron arredor de 150 persoas, que gozaron dunha xornada de bo tempo e dun percorrido de gran beleza.

Cómpre destacar que o novo campión galego, o amesán Daniel Paz, vén de participar e de gañar na terceira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, celebrado no concello de Ames no pasado mes de febreiro. Nesa proba, que partía de Ponte Maceira e que remataba nas instalacións do Real Aeroclub de Santiago, en Piñeiro, Paz parou o tempo en 1:09:01.

Aos dous gañadores acompañáronos no podio Carla Trillo, do Ría de Foz, e Carlos Lorenzo, do Jab-Berga na segunda posición. En terceiro posto remataron Eva de la Fuente, do Brión-Hyupersa Santiago, Roberto Tuñas, do C.A.Negreira. Deste xeito, estes seis corredores e corredoras lograban a súa selección de maneira automática para formar parte do combinado galego que participará no campionato de España por autonomías.

Ademais, paralelamente a este campionato autonómico disputouse o Trail Popular Serra do Barbanza, nas modalidades de longo e curto. Neste senso, no longo impuxéronse Rebeca Marino e Sebastián Reboreda, mentres que no curto o triunfo foi para Cristina Carril e Manuel Currás.

O atleta amesán Daniel Paz proclámase campión galego absoluto de trail ao gañar na Serra do Barbanza

Multimedia

  • O atleta amesán Daniel Paz proclámase campión galego absoluto de trail ao gañar na Serra do Barbanza