Solapas principales

O aumento de entradas no Punto Limpo de Ames demostran os bos resultados das campañas de sensibilización levadas a cabo nos últimos meses

Viernes, 13 de marzo de 2020

O aumento de entradas no Punto Limpo de Ames demostran os bos resultados das campañas de sensibilización que se levaron a cabo por parte do concello nos últimos meses. Así, o número de entradas no Punto Limpo no mes de febreiro de 2020 foron de 588, 109 máis que en febreiro de 2019, mes no que houbo  479 entradas. Os incrementos foron notables en practicamente todos os residuos recollidos: luminarias, baterías, madeira, voluminosos (sofás e colchóns), aparatos eléctricos e electrodomésticos, pneumáticos fora de uso ou envases baleiros contaminados (vernices e restos de pinturas).

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou 588 entradas durante o pasado mes de febreiro. Trátase dun incremento de máis de 100 entradas con respecto ao mes de febreiro do ano anterior, que poñen de manifesto a capacidade de sensibilización de campañas que se foron realizando  para concienciar á veciñanza.

Algúns exemplos destas campañas foron “Non nos merecemos isto” ou “Ames recicla o Nadal. Fagamos da festa unha escola de familia”, ás que se suman as realizadas no anterior mandato como “Cada cousa no seu sitio!” ou “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes”.

A campaña “Ames recicla o Nadal. Fagamos da festa unha escola de familia” foi un manual de bos usos no que se recollen diferentes pautas de como reducir, reutilizar e reciclar en Ames. Foron repartidos 3.000 libros entre o alumnado dos colexios de infantil e primaria e nos comercios e locais de hostalería.

Ademais, recentemente realizouse a campaña “Non nos merecemos isto”, a través da cal se editaron 3.000 calendarios da mesa e 500 calendarios grandes de parede co lema de dita campaña e fotos de lixo e voluminosos depositados en fincas, camiños, montes e zonas de aparcamento. Ditos calendarios tamén conteñen información do Punto Limpo, que está situado na rúa das Hedras do parque empresarial Novo Milladoiro. Ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

O concelleiro de Servizos Básicos, Blas García, destacou “a incidencia positiva que están tendo as campañas de sensibilización levadas a cabo nos últimos meses que están permitindo que a veciñanza faga un maior uso dos medios existentes en materia de reciclaxe. Isto permite mellorar a convivencia entre a cidadanía, xa que é un problema que afecta por igual á zona rural como ás localidades urbanas.  Aínda así é necesario seguir incidindo neste tipo de campañas para concienciar á veciñanza sobre o deposito incontrolado de voluminosos”.

Punto Limpo móbil
O pasado sábado, 29 de febreiro, contouse coa presenza, na praza do Concello de Bertamiráns, dun Punto Limpo móbil. Trátase dun vehículo adaptado que se emprega para recoller e facilitar a xestión dos diferentes residuos e a reciclaxe mediante a recollida selectiva. Foron moitos os veciños que pasaron a coñecer e interesarse polo seu funcionamento, xa que era a primeira vez que se achegaba a Ames. O obxectivo era facer unha xornada de divulgación e sensibilización, facilitando aos veciños e veciñas a reciclaxe mediante unha recollida selectiva.

Entre os residuos que foron levados a este punto limpo destacaron as pinturas e vernices,baterías, pequenos aparatos eléctricos e electrodomésticos, CDs e DVDs, luminarias e aveños varios.    

588 entradas no Punto Limpo do Milladoiro durante o mes de febreiro
Durante o pasado mes de febreiro a veciñanza amesá achegou 3437 quilogramos de equipos eléctricos e electrónicos, 100 quilogramos de envases baleiros contaminados, 100 quilogramos de pneumáticos fóra de uso (18 unidades), 70 quilogramos de baterías de chumbo (4 unidades), 6 metros cúbicos de roupa, 70 metros cúbicos de voluminosos e
7 quilogramos de pilas (arredor de 230 unidades).

Ademais rexistrouse a entrada de 66 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, e de varios residuos, entre os que se encontran 20 metros cúbicos de escombro, 20 metros cúbicos de plásticos, 20 metros cúbicos de metais, 54 quilogramos de pintura e 70 metros cadrados de madeira. Cómpre engadir tamén os aceites, 108 litros de aceite vexetal e 72 litros de aceite de motor.

Horarios e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

Este centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben depositarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositar o voluminoso xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a recollida de ditos aveños e voluminosos.

Punto Limpo

Multimedia

  • Punto Limpo
  • Punto Limpo mobil