O grupo municipal considera que se trata dunha estratexia planeada do goberno do PP para seguir desmantelando a sanidade pública. O pasado mes de agosto o BNG de Ames levou a pleno unha moción,que se aprobou por unanimidade, na que se esixía á Xunta de Galicia a dotación do persoal necesario que garantise a atención pediátrica pola tarde no centro de saúde.
Xa daquela o grupo municipal facíase eco das demandas das sanitarias, que expresaban a súa preocupación tanto polo estado no que se atopa o edificio como pola falta de persoal, que redunda na atención inadecuada aos doentes.
A día de hoxe a situación é,se cabe, peor. Nun concello como o de Ames,cualificado como a única reserva demográfica galega, as familias enfróntanse a unha situación insoportable: de luns a venres polas tardes, en horario de consulta son derivadas ao servizo de PAC onde son atendidas por un médico de familia pola falta de pediatra.
“Preocúpanos moito que o elevado número de nenas e nenos do noso concello carezan dun dereito básico e primordial para a infancia e que consideramos que sempre debe estar garantido”, asevera a voceira Escarlata Pampín.
A falta de solucións para un problema denunciado polo BNG de Ames en multitude de ocasións leva ao grupo municipal a considerar que se trata dunha estratexia planeada do goberno do PP para seguir desmantelando a sanidade pública “ Se quixesen facelo, tiveron anos de sobra para adoptar as medidas necesarias e non seguir escusándose na falta de médicos, pero claro, hai que querer facelo”, apunta Pampín.