Solapas principales

O BNG propón un proxecto alternativo de centro deportivo con piscina no Milladoiro que estaría situado onda o novo colexio

Viernes, 28 de febrero de 2025

No pleno de febreiro celebrado onte, Rosalía Seijas, concelleira do Bloque Nacionalista Galego, reiterou “nós queremos unha piscina no Milladoiro,pero non a  calquera prezo. Apostamos  por inversións para os veciños e veciñas, pero inversións sostibles e é por iso que, sendo prudentes, non podemos apoiar este proxecto, apoialo  sería apoiar a privatización do aparcadoiro, apoiar hipotecar ao concello a 35 anos ao devir dunha concesionaria e apoiar negarlle á veciñanza do Milladoiro un espazo verde no centro da súa vila”.

O anteproxecto  que se debateu onte na sesión plenaria, contempla a instalación dun aparcadoiro privado, cunhas tarifas superiores as de concellos limítrofes, “isto supón que no lugar onde hoxe os veciños e veciñas estacionan de forma gratuíta pasarán a pagar 2,04 euros a hora. Eu aquí fágome dúas preguntas: é unha política progresista de esquerdas privatizar o aparcadoiro? cal era  logo a finalidade deste proxecto? Porque por momentos paréceme que é  a explotación dun aparcadoiro privado e non a construción dunha instalación deportiva para O Milladoiro”, apuntou Rosalía Seijas.

Os nacionalistas lamentan que non se teña en conta o seu proxecto alternativo de centro deportivo con piscina situado no sector S-16 que contaría con zonas de aparcadoiro gratuítas na súa contorna e  tarifas adecuadas, “non consideramos que o anteproxecto presentado polo goberno sexa un modelo viable xa que nel expóñense unhas tarifas bastante altas se as comparamos coas  doutros ximnasios da contorna como por exemplo Brión, onde a mesma concesionaria que xestiona actualmente  A Telleira cun modelo similar, cobra 26 euros de cota individual fronte aos 39,73 que  propoñen para o novo centro; ademais si isto o cotexamos coa competencia privada, neste anteproxecto prevese unha tarifa de apertura de 42 euros fronte a por exemplo 39 ou 45 euros que custan os  ximnasios privados do Milladoiro” sinalou Rosalía Seijas.

A imprecisión deste plan é un tema que preocupa especialmente ao BNG de Ames, Seijas explicou que “estamos ante un anteproxecto ao noso parecer indefinido e non de todo rigoroso, tal e como temos comprobado nos últimos meses, non esquezamos que este punto tiña que ser debatido no pleno pasado e tivo que ser retirado da orde do día, mesmo agora están sen resolver todas as dúbidas formuladas por membros desta corporación. E todo isto non é algo menor posto que nos pode traer problemas nun futuro, xa que todo aquilo que a administración introduza ou precise a posteriores e non este previsto no estudo vai ter que ser pagado polo Concello”.

O BNG propón un proxecto alternativo de centro deportivo con piscina no Milladoiro que estaría situado onda o novo colexio