Solapas principales

O CEIP de Barouta celebra este venres 28 a sexta edición da súa carreira solidaria “Móvome pola Paz”

Martes, 25 de enero de 2022

Por sexto ano consecutivo, e co gallo da celebración do Día Mundial da Paz, o CEIP de Barouta celebrará este venres 28 de xaneiro a súa carreira solidaria “Móvome pola Paz”. As medidas sanitarias serán idénticas ás do ano pasado, co alumnado correndo con máscara, sen público e respectando os seus grupos burbulla, mais sen perder o espírito de festa e de solidariedade habituais. Dende este luns 24 o centro xa recolle alimentos e produtos de hixiene, que logo doarán ao Banco Municipal de Alimentos do concello. O director do centro, Alonso Caxade, adianta “unha carreira con todas as da lei”, que sirva para recordar á infancia, “unha das capas sociais máis esquecidas nesta pandemia”.

A comunidade educativa de Barouta volve a organizar un ano máis a súa carreira solidaria non competitiva “Móvome pola Paz”, no que se tomará como referencia as medidas tomadas na edición do 2021. A rapazada levará máscara e non poderá asistir público, debido as restricións sanitarias que impiden o acceso aos centros escolares durante o período lectivo. Ademais, respectaranse os grupos burbulla, aumentando o número de saídas e chegadas por meta. Deste xeito, mentres un grupo corra, outros poderán animar aos seus compañeiros e compañeiras de centro.

Porén, as restricións sanitarias non impedirán que as nenas e os nenos de Barouta gocen dunha xornada de “festa contida”, sinalou o director do CEIP, Alonso Caxade. “Queremos organizar unha carreira con todas as da lei. O tempo do patio quedará organizado arredor da carreira, que contará con todo o seu ‘atrezzo’ e a súa escenografía: arco de meta, vallas de entrada, ou cintas que limiten o circuíto”, destacou Caxade.

Coa organización deste evento solidario, Barouta pide un ano máis que non nos esquezamos dos dereitos da infancia, en especial durante estes anos de crise sanitaria, nos que todas as nenas e nenos están a realizar un gran esforzo que ás veces queda esquecido. “Son unha das capas sociais máis esquecidas nesta pandemia”, indicou Alonso Caxade, que recordou que nos centros educativos mantivéronse restricións en períodos nos que non eran obrigatorias fóra das escolas e institutos, como a máscara ou a redución de grupos.

Volve a habitual campaña de recollida de alimentos

Ao igual que en edicións anteriores, coa carreira tamén volve a recollida de alimentos e produtos de hixiene, na que pode colaborar calquera persoa, independentemente de se pertence á comunidade educativa de Barouta. Toda doazón é benvida, mais dende o centro piden que se faga un esforzo en pensar na infancia e en cousas que lles gustaría recibir, como cereais, cacao, dentífricos e cepillos de dentes infantís, ou mesmo colonias.

A campaña de recollida xa comezou este mesmo luns 24, e en Barouta esperan continuar co éxito de anteriores convocatorias, nas que chegaron a xuntar máis de 500 quilos de produtos hixiénicos e alimenticios non perecedoiros. Para realizar as doazóns, recomendan evitar horas de gran afluencia para achegarse ao CEIP, como as entradas ou as saídas. O concelleiro de Educación, David Santomil, agradeceu “un ano máis o traballo de organización e a solidariedade da comunidade educativa do CEIP de Barouta”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "El colegio de Barouta, en Ames, recauda alimentos a través de su carrera solidaria"

El Correo Gallego: "Volve a carreira Móvome pola Paz ata Barouta con recollida de alimentos"

 

O CEIP de Barouta celebra este venres 28 a sexta edición da súa carreira solidaria “Móvome pola Paz”