O CEIP de Barouta organiza, un ano máis, a súa tradicional carreira solidaria “Móvome pola paz” este vindeiro xoves 30 de xaneiro, unha iniciativa motivada pola celebración do Día Internacional da Paz. Como vén sendo habitual, ademais do propio alumnado do centro, poderá participar a veciñanza que o desexe, así como a comunidade educativa do resto de escolas unitarias de Ames e o alumnado de sexto de Educación Primaria do CEIP da Maía e do CEIP Agro do Muíño. O obxectivo deste ano volve ser concienciar sobre os dereitos da infancia e a recollida de alimentos e produtos de hixiene para persoas en situación de emerxencia social. Ademais, continúa a recollida de fondos para a situación de emerxencia en Gaza (Palestina) para enviar a través da Axencia das Nacións Unidas (UNRWA).
A comunidade educativa do CEIP de Barouta organiza este vindeiro xoves 30 de decembro, a partir das 12.00 horas, a IX edición da súa tradicional carreira solidaria “Móvome pola paz”, en conmemoración do Día Internacional da Paz. O propósito principal desta iniciativa solidaria é recadar alimentos e outros produtos de primeira necesidade para o Banco de Alimentos municipal. Ademais, este ano volverán a recadarse fondos para a situación de emerxencia en Gaza (Palestina) para enviar a través da Axencia das Nacións Unidas (UNRWA).
Na carreira poderá participar tanto o propio alumnado da escola, como pais e nais dos estudantes ou parte da veciñanza que desexe participar. Así mesmo, tamén participará a rapazada de sexto de Primaria dos CEIP da Maía e do Agro do Muíño, así como o alumnado das escolas unitarias. Deste xeito, explicou o propio director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade, que “se busca facer unión entre os rapaces e rapazas xa que se encontrarán o ano que vén no instituto”.
Diversos percorridos
Esta proba non ten carácter competitivo, polo que o obxectivo principal é pasalo ben todos os participantes durante a proba. Todos os corredores sairán desde o mesmo punto de partida e, en función da idade, haberá un percorrido diferente. Para os máis pequenos, establécense diferentes distancias dentro do propio centro escolar e, a partir de 3º de primaria, a carreira realizarase fóra do recinto.
Pola súa banda, Alonso Caxade agradeceu “a colaboración do equipo de Protección Civil de Ames e á Policía Local para a realización da proba fóra do recinto para garantir a seguridade de todos os participantes”. Na mesma liña, agradeceu a colaboración de todos os patrocinadores que fan posible a proba; o Concello de Ames, Galitiming, CLUN-Feiraco, Gadis, Tomate Más Fruta, Grafinor, Addomo, Cabañitas do Bosque, Bandini, Leria, Carlín Bertamiráns, Hospital Veterinario A Media Lúa, Vagalume Pellet, Froiz, Agacal+Craega, Ézaro Ediciones, Addomo e Biosbardos.
Todos os corredores recibirán unha pequena bolsa de agasallo ao rematar a proba, que incluirá unha peza de froita, auga, un iogur bebible e algún detalle a maiores.
Recollida de alimentos
Con esta iniciativa que, ademais de ter un fin solidario, foméntase a práctica do exercicio físico e uns hábitos de vida saudables, tamén se busca poñer o foco nos dereitos da infancia, “é importante resaltar a importancia nos nenos e nenas en emerxencia social e tamén pensar na súa perspectiva cando facemos unha doazón a un banco de alimentos, que lle gustaría recibir a un menor nesa situación, sen esquecer outros produtos básicos”, resaltou o director do centro.
Por outro lado, aínda que non se participe na carreira solidaria, é posible participar na recollida de alimentos que leva a cabo o centro escolar. Deste xeito, todas as persoas que queiran colaborar, poden depositar os produtos no CEIP de Barouta en horario de 8.30 a 15.00 horas a partir deste luns.
Este ano volverá a amadriñar a iniciativa unha persoa relacionada co mundo da cooperación. Na mesma liña, continuarase coa venda de rifas para a recadación de fondos para Palestina e, desta volta, sortearanse 4 lotes de libros. . Na pasada edición, a recadación total foi preto de 3.000 euros e de 500 quilos de alimentos.