- Tematica
O CEIP de Barouta entregou o pasado luns máis de 600 quilos de alimentos e produtos de hixiene á Concellería de Benestar Social destinados ao Banco Municipal de Alimentos. Os víveres foron recadados ao abeiro da IV Carreira Solidaria, organizada polo centro e celebrada o pasado 30 de xaneiro con motivo da conmemoración do Día da Paz. Nela participaron o alumnado do CEIP de Barouta, ademais do de educación infantil da Unitaria de Covas, e os cursos de 6º de educación primaria do CEIP Agro do Muíño e do CEIP a Maía.
Por cuarto ano consecutivo, alumnado, profesorado e familias estiveron días organizando este evento, para que todo se encontrara preparado o pasado 30 de xaneiro. O alumnado, elaborou medallas conmemorativas, e todos os participantes levaron un saquiño, especialmente feito para o día, con produtos varios doados polos seus patrocinadores.
Na IV Carreira Solidaria “Móvete pola Paz” participaron o alumnado do CEIP de Barouta, ademais do de educación infantil da Unitaria de Covas, e os cursos de 6º de educación primaria do CEIP Agro do Muíño e do CEIP a Maía. Ditos centros tamén aportaron o seu gran de area organizando recolectas nas distintos escolas, que tamén foron entregadas ao longo da mañá.
Así, toda a comunidade educativa dos catro centros uníronse para pasar unha mañá festiva e inclusiva por unha boa causa: salientar a importancia de educar en base a valores como a tolerancia, a solidariedade e a paz e, ao mesmo tempo, recadar o maior número de recursos posibles para o Banco de Alimentos do Concello de Ames.
Posteriormente, durante a mañá do pasado luns 10 de febreiro, o director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade, fixo entrega do recadado á concelleira de Benestar Social, Igualdade, Voluntariado e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, e aos dous técnicos municipais do departamento encargados de xestionar o Banco Municipal de Alimentos, Leonardo Pena e Soraya Añón, acompañados por un dos voluntarios do Departamento. Entre os produtos doados hai alimentos como aceite, pasta, legumes ou outros bens non perecedoiros, ademais de produtos de limpeza e de aseo persoal. Estes víveres e demais artigos serán repartidos nas próximas semanas entre as familias inscritas no programa municipal de alimentos.
Unha iniciativa que medra ano a ano
Esta cuarta edición da Carreira Solidaria organizada polo CEIP de Barouta supón a consolidación desta cita na axenda de eventos escolares do Concello de Ames. O éxito de participación que a carreira acada ano tras ano cristaliza nun aumento dos alimentos que o centro doa ao Banco de Alimentos municipais, un dos obxectivos prioritarios do evento.
Asemade, coa participación da comunidade educativa de 6º de Primaria dos CEIP Agro do Muíño e A Maía, así como a Escola Unitaria de Covas, a cantidade de víveres doados este ano supón máis de media tonelada, unha cifra que supera os 500 quilos que esperaban recadar.
Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social, agradece este tipo de iniciativas, “sobre todo pola parte de sensibilización dos máis novos acerca da realidade que viven algunhas familias do noso Concello. Esta xa é unha cita que temos marcada no nosos calendarios e que vemos como medra ano a ano”.