[21-02-2017] A semana pasada o alumnado do CEIP de Barouta entregoulle á concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e o persoal que xestiona o Banco de Alimentos do Concello de Ames, uns 400 quilos de alimentos que se están repartindo entre as familias que están incluídas no programa municipal de alimentos. Estes produtos recadáronse a través da primeira carreira solidaria que o CEIP de Barouta organizou con motivo da conmemoración do día pola paz e a non violencia.
Baixo o lema “Barouta Móvese pola Paz” o colexio implicou a toda a comunidade nun acto solidario co que se recadaron recursos para o Banco de Alimentos do Concello de Ames. A primeira carreira solidaria ía realizarse o día 30 de xaneiro, pero debido ás malas condicións meteorolóxicas dese día houbo que suspendela e, finalmente, celebrouse o 8 de febreiro. A través desta iniciativa recadáronse uns 400 quilos de alimentos. Deste xeito, a semana pasada o Banco de Alimentos do Concello de Ames recolleu 20 caixas de 20 quilos cada unha.
O director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade, destacou “a implicación da comunidade educativa, das familias e dos diferentes colaboradores que participaron nesta primeira carreira pedestre”. Esta iniciativa contou co patrocinio e a colaboración de diversas organizacións e entidades tanto públicas coma privadas.
A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, agradeceulle ao CEIP de Barouta a realización desta iniciativa solidaria a través da cal o Concello recibiu uns 400 quilos de alimentos non perecedoiros. A semana pasada xa comezamos a repartir estes alimentos entre as familias de Bertamiráns e do Milladoiro que están incluídas no programa municipal de alimentos”.