Solapas principales

O CEIP de Barouta entregou alimentos e produtos de hixiene para o Banco de Alimentos de Ames

Miércoles, 17 de febrero de 2021

O CEIP de Barouta entregou unha gran cantidade de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene para nenos e nenas á Oficina de Voluntariado de Ames, destinados ao Banco Municipal de Alimentos. Os víveres foron recadados ao abeiro da V Carreira Solidaria “Móvome pola paz”, organizada polo centro e celebrada este mes de febreiro. Inicialmente estaba prevista para o 29 de xaneiro con motivo da conmemoración do Día da Paz, pero por motivos meteorolóxicos houbo que adiala. Este ano o obxectivo foi, especialmente, recadar produtos para cubrir as necesidades dos nenos e nenas.

Por quinto ano consecutivo, o CEIP de Barouta organizou a Carreira Solidaria “Móvome pola paz”, a través da cal conseguiu reunir alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene que foron destinados ao Banco de Alimentos de Ames.

A boa causa encheu caixas de aceite, pasta, legumes e outros bens, ademais de produtos de limpeza e de aseo persoal. Estes víveres e demais artigos serán repartidos nas próximas semanas entre as familias inscritas no programa municipal de alimentos.

Ademais, os responsables do centro da Barouta pediron que este ano se puxera a ollada na infancia e que se teñan en conta as súas necesidades e as súas preferencias, tanto a nivel de alimentación como de hixiene á hora de facer as achegas. Deste xeito, recolléronse cereais, toalliñas de aseo, dentífricos para nenos e nenas, etc.

A entrega de alimentos realizouse seguindo as normas hixiénico-sanitarias marcadas pola Covid-19 e cumpriuse co obxectivo de non coincidir coas entradas e saídas do alumnado. As persoas que colaboraron non entraron no edificio, senón que foi a conserxe quen saíu a recoller o donativo.

A pesar destas limitacións á hora de facer as doazóns, a participación non foi menor que noutros anos nos que se conseguían media tonelada de alimentos.

Alonso Caxade, director do CEIP de Barouta, quixo este ano cambiar o enfoque da entrega de alimentos. “Puxemos o foco en xeral na infancia porque sempre escoitamos queixas dende o punto de vista dos adultos sobre as restricións que temos que cumprir pola Covid, e esquecemos a situación que lles toca vivir aos nenos e nenas, que teñen os parques infantís pechados, non poden quedar con rapaces da súa idade... É moi importante que os adultos pelexemos polos dereitos da infancia nesta situación de pandemia”.

“Móvome pola paz”
Neste ano marcado polas restricións e un contexto sanitario complexo, a V Carreira Solidaria  realizouse sen público e tampouco participou o alumnado de 6º de primaria dos colexios da Maía e do Agro do Muíño, como facían sempre para que a rapazada, que ía coincidir no seguinte curso no IES de Bertamiráns, comezase a tomar contacto. Non obstante, o director do CEIP de Barouta, Alonso Caxade, asegura que “os rapaces e rapazas correron con toda a ilusión como se houbese moitísimo público”.

Todos e todas correron 1 quilómetro dentro do recinto do colexio e coa camisola branca oficial da carreira. Ai final da proba entregáronse medallas e unha bolsa conmemorativa cun bebible e algún alimento empaquetado. As máscaras sumáronse ao uniforme da carreira e cada alumno e cada alumna correu só ao carón das compañeiras e compañeiros cos que comparten burbulla nas aulas.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, agradece a colaboración do CEIP de Barouta que “cada ano achega un importante número de alimentos para o Banco Municipal e que se reparten entre a veciñanza amesá que está inscrita neste programa. Este ano achegaron un gran número de alimentos non perecedoiros e de produtos de hixiene para os nenos e nenas. Algo que é de agradecer xa que dende a Oficina de Voluntariado tamén se veñen realizando campañas para a recollida de enseres para bebés e nenos e nenas, polo que deste xeito se trata de facer fronte ás necesidades que teñen as familias máis vulnerables de Ames”. 

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Aluvión de alimentos para los más jóvenes de Ames con la Carreira Solidaria de Barouta"

Compostela 24 horas: "O CEIP de Barouta entregou alimentos e produtos de hixiene para o Banco de Alimentos de Ames"

Recollida de alimentos Barouta.

Multimedia

  • Recollida de alimentos Barouta.