- Tematica
O pasado venres, 10 de febreiro, o equipo directivo do CEIP de Barouta fixo entrega ao Banco de Alimentos de Ames das doazóns de produtos de alimentación e hixiene realizadas pola comunidade educativa do centro. As achegas foron recollidas co gallo da celebración da sétima edición da carreira solidaria “Móvome pola paz”, que o centro organiza cada ano para conmemorar o Día Mundial da Paz e da Non Violencia, celebrado o 30 de xaneiro. Nesta ocasión, bateuse o récord de participación, e as achegas centráronse nos artigos pensados para a infancia.
Un ano máis, o CEIP de Barouta celebrou a súa xa tradicional carreira “Móvome pola paz”. Nesta ocasión, tras dous anos nos que a actividade estivo marcada polas restricións sanitarias, a rapazada puido volver a gozar dun ambiente de festa e solidariedade, e a carreira volveu a converterse nun acto aberto no que participou toda a comunidade educativa.
O pasado venres, 10 de febreiro, varios representantes do CEIP de Barouta, co director do centro, Alonso Caxade, á cabeza, realizaron a entrega dos produtos que a comunidade educativa doou e que se recadaron para o Banco de Alimentos de Ames. Ao acto acudiron a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, e o responsable da oficina municipal de Voluntariado (OVA), Rubén Ramos.
Este ano logrouse un récord de participación, así como de artigos entregados. Entre os produtos recollidos pódense atopar caixas de aceite, pasta, legumes, alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene. Este ano, destacan dende o Banco de Alimentos, fixéronse notar os artigos pensados para a infancia, unha das premisas do centro durante esta campaña. Deste xeito, recibíronse cueiros, colonias, dentífricos para nenas e nenos ou toalliñas de aseo, entre outras doazóns.
Unha vez concluída a campaña de recadación con éxito, os alimentos e produtos hixiénicos pasan a dependencias do Banco de Alimentos de Ames, que nas próximas semanas repartirá os víveres doados ás familias que se benefician do programa municipal de alimentos.
O responsable da OVA, Rubén Ramos, mostrou a súa satisfacción pola gran acollida da iniciativa unha edición máis, e afirmou que que “estamos moi agradecidos pola gran cantidade de produtos que se doaron, e vemos que o Banco de Alimentos ten moita saída. Non podemos esquecernos dos nenos e nenas, que teñen as súas necesidades propias. Este ano logramos reunir moitos produtos infantís, que era un dos obxectivos”.
Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Luisa Feijóo, sinalou que “agradecemos este tipo de iniciativas, xa que son unha forma de sensibilizar e concienciar aos máis pequenos da existencia de diferentes realidades”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El colegio de Barouta dona un cargamento de productos recaudados para el Banco de Alimentos de Ames en su carrera solidaria"
El Correo Gallego: "Afluencia récord y casi 1000 kg de víveres en la VII Carreira Móvome pola paz de Ames"