- Tematica
O CEIP de Barouta organiza para este venres, 21 de xuño, a celebración da Romaría de Fin de Curso 2024. Trátase dun evento aberto ao público. Será unha xornada lúdica que dará comezo ás 10:00 nas instalacións do centro educativo. Incluirá un roteiro, un xantar colaborativo, xogos, deportes e música, ademais da cerimonia de graduación do alumnado de 6º de Educación Primaria.
O CEIP de Barouta pecha o curso 2023/2024 cunha Romaría de Fin de Curso, unha festa que terá lugar este sábado no propio centro. O evento comezará ás 10:00 horas, cun roteiro dramatizado de aproximadamente 2,5 quilómetros con parada nos campos da festa do Santo Tomé de Ames e do San Amaro de Barouta. Ao finalizar a ruta, haberá un petisco e xogos populares. Para participar recoméndase levar auga e calzado cómodo.
Ás 14:00 horas celebrarase un xantar colaborativo, no que cada unha das persoas asistentes aportará unha comida ou sobremesa para compartir. Unha vez rematado, ás 15:00 horas, haberá animación musical nun café-concerto da man de Eva e Camilo.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas, haberá unha mostra de actividades extraescolares, na que o alumnado amosará todo o aprendido ao longo do curso en disciplinas como tenis, ping-pong, inglés, hockey, baile moderno ou guitarra, entre outras. Posteriormente, ás 17:30 horas, terá lugar a despedida do alumnado de 6º de Educación Primaria, que remata a súa escolarización no centro. Neste acto faráselles entrega dunha orla e un diploma.
Para pechar a xornada, ás 18:00 horas celebrarase a Festa Holi, para a que se recomenda levar roupa branca, gafas de mergullar e, sobre todo... vontade de mancharse!