Solapas principales

O Ciclo Mestre Mateo volve a Ames co filme “Cuñados”, este mércores 14 de setembro en Bertamiráns

Jueves, 08 de septiembre de 2022

A Concellaría de Cultura retoma en setembro as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo coa película “Cuñados”, nominada na categoría de mellor longametraxe nos XX Premios Mestre Mateo. A comedia xira arredor dos esforzos de dous cuñados, Eduardo e Sabonis, para salvar a súa bodega familiar. Será o próximo mércores 14 de setembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites, de balde, xa se poden retirar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

A historia de “Cuñados” protagonízana precisamente dous cuñados, Eduardo e Sabonis, que comparten un proxecto empresarial no que meten a zoca, o que os coloca nunha delicada situación económica. A solución para conseguir cartos atópaa Sabonis, que decide secuestrar a Modesto, o cuñado da empresaria Alicia Zamora, que os enganou e deixou tirados.

O plan para salvar a bodega familiar só ten unha fisura: Alicia non pensa pagar nada por rescatar ao seu cuñado. Os acontecementos levan a que Modesto se sume a Eduardo e Sabonis e urda unha nova xogada con eles para salvar a empresa.

A longametraxe é unha produción de Portocabo, na que colaboraron TVE, TVG e Movistar+. Dirixida por Toño López, a comedia contou con trece nominacións na vixésima edición dos Premios Mestre Mateo.

Ciclo Mestre Mateo

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, é un dos cinco municipios da provincia da Coruña que forman parte do circuíto de cinema Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa conxunta da Academia Galega do Audiovisual e das catro deputacións para achegar os proxectos cinematográficos máis destacados de Galicia aos concellos e as vilas, aos que habitualmente non chegan as producións que participan nestes premios. Neste senso, o Ciclo Mestre Mateo colabora tamén coa Secretaría Xeral de Emigración para levar proxeccións ás comunidades galegas do exterior.

En total, e ao longo do 2022, o Ciclo Mestre Mateo presentará oito producións finalistas nas categorías de mellor documental e mellor longametraxe desta edición dos Premios Mestre Mateo, que se irán desvelando a principios de cada mes. Deste xeito, as películas que se poderán ver en Ames serán os documentais “A poeta analfabeta”, “A virxe roxa”, “O gran camiño” e “Welcome to ma maison”, ademais das películas “Cuñados”, “Jacinto”, “Malencolía” e “Tres”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O ciclo Mestre Mateo vai traer este mércores o filme Cuñados á capital"

AMSGO!: "O Ciclo Mestre Mateo volve a Ames co filme “Cuñados”, este mércores 14 de setembro en Bertamiráns"

O Ciclo Mestre Mateo volve a Ames co filme “Cuñados”, este mércores 14 de setembro en Bertamiráns

Multimedia

  • O Ciclo Mestre Mateo volve a Ames co filme “Cuñados”, este mércores 14 de setembro en Bertamiráns
  • O Ciclo Mestre Mateo volve a Ames co filme “Cuñados”, este mércores 14 de setembro en Bertamiráns