- Tematica
Un total de nove nenos e nenas da escola municipal e do club Ames Xadrez participaron nos torneos provinciais de xadrez que tiveron lugar a pasada fin de semana en Culleredo. Os rapaces puideron gozar dunha xornada na que compartiron experiencias e divertimento con outros xogadores, intercambiando ademais os seus coñecementos. Cabe destacar a actuación do pequeno Fernando Carragal, que logrou un pleno de vitorias, conseguindo así o título de campión sub8.
Nove nenos participaron nos torneos provinciais de xadrez por idades que se celebraron a pasada fin de semana como parte da Escola Ames Xadrez. A nivel de resultados, destacan o triunfo de Fernando Carragal (con pleno de vitorias) e o segundo posto logrado por Noel Leis, en categoría sub16. Ambos tiveron que competir contra outros oitenta rapaces, inscritos na mesma competición. Así mesmo, resaltou a actuación de Nico Amado, que logrou acadar a prata na categoría sub14.
Aínda que non lograron entrar en posicións de podio, outros rapaces e rapazas da escola acadaron resultados moi satisfactorios, como Unai Casares e Álex López, que quedaron cuarto e quinto respectivamente na categoría sub12.
Dende Ames Xadrez poñen en valor a actuación de Ariadna López e Valeria Amado, que sumaron catro puntos na categoría sub10. Así mesmo, tamén resaltan o gran papel de Sergio Munín en sub12.