- Tematica
A XI edición dos premios Rosalía de Castro acaba de premiar o "Club de Debate" polos anos que leva favorecendo o emprego do noso idioma entre a mocidade. Ames participa neste proxecto colaborativo desde o seu inicio no curso 2011-2012. O departamento de Normalización Lingüística do Concello, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega dos Centros de Ensino Secundario, fixeron posible a intervención de máis de 50 equipos e 500 alumnos e alumnas de Ames no tempo que leva desenvolvéndose esta iniciativa. Ademais de promover o uso do galego, o Club de debate fomenta a diversidade de opinións e a tolerancia e promove o pensamento crítico e analítico entre a mocidade. O premio está dotado con 3.000 euros.
O Club de Debate, representado polo Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, recibe o premio Rosalía de Castro na categoría de "colectivo, entidade ou asociación que realiza un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade". Nós Televisión SL é a gañadora na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca no seu labor de normalización lingüística. O xurado do premio estivo formado polo técnico de normalización da Universidade da Coruña, Xesús Manquel Mosquera Carregal, a técnica do Concello da Coruña, Julia Rigueiro, a profesora e gañadora da edición pasada por 21 Días co Galego e máis Pilar Ponte e o xornalista Eduardo Rolland, representante do xornal GCiencia tamén gañador o ano anterior. Presidiu a deputada de Normalización Lingüística, María Muíño Filgueira e a técnica da Deputación, Dores Sánchez Alegre exerceu como secretaria.
Nas súas consideracións, o xurado considerou que o "Club de Debate", era merecedor deste premio por "levar favorecendo durante unha década o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente os usos orais en contextos formais e informais, por potenciar a lucidez comunicativa ligada á oratoria, por promover o pensamento crítico e analítico, á vez que o traballo en equipo, por fomentar a diversidade de opinións e a tolerancia fronte a diferentes cuestións e crear espazos e contextos para a socialización en galego, entre outras, e tamén por ser o resultado dun traballo conxunto entre profesionais de distintos ámbitos: administración local, técnicos e técnicas de normalización lingüística e profesorado dos centros de ensino.
Para a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, a concesión deste premio "supón un recoñecemento a todas as persoas que a través dos equipos de Normalización Lingüística dos Concellos e dos centros educativos esfórzanse ano a ano por fomentar e poñer en valo a nosa lingua e tamén por promover a tolerancia e o espírito crítico e analítico da nosa mocidade". "Agradezo moito este premio – engade Pampín – e penso ademais que é un recoñecemento importante para o noso concello que desenvolve este proxecto desde os seus inicios e para todo o alumnado e profesorado que o fixo posible".
O Club de debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. O Concello de Ames participa da iniciativa desde a súa posta en marcha, sempre coa implicación e boa acollida por parte do alumnado e do profesorado dos centros educativos amesás.