- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro foi o escenario elixido para por en marcha a novena edición do Club de Debate cunha xornada de formación conxunta. Nela participaron arredor de 90 rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato da comarca de Santiago de Compostela. A primeira hora da mañá recibiron a visita da concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade, Escarlata Pampín.
Nas catro horas que durou a xornada, orientouse a práctica de habilidades comunicativas co fin de activar, motivar e ofrecer recursos para mellorar as intervencións orais públicas. Os encargados de impartir esta formación foron Miguel Silva (Aquel-e nas redes sociais), premio Youtubeir@s á mellor canle 2019, e Ruth Caramés e Tono Formoso, integrantes do grupo Fabaloba.
O Club de Debate é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade no que participan varios concellos galegos en colaboración cos centros de ensino secundario. Con esta iniciativa preténdese favorecer o uso do galego oral en contextos formais, como son os propios debates, e informais, tendo en conta a convivencia que se xera. Os contidos que se traballan principalmente teñen que ver coas habilidades comunicativas e a oratoria, mais tamén é necesario un proceso de documentación sobre os temas de debate.
Os concellos que organizan esta edición son dez: Ames, Santiago de Compostela, Teo, Narón, Negreira, Ferrol, Outes, Pontevedra, Redondela e Rianxo. En total, participarán 24 equipos mixtos formados por rapaces e rapazas de entre 3º e 4º da ESO ou 1º de Bacharelato. En canto aos participantes de Ames, neste ano 2020 participan 3 grupos do IES de Bertamiráns e 1 grupo do IES do Milladoiro.
Consiste nun torneo por equipos, organizado como unha competición deportiva na que os debates se producen dous a dous. Todos os equipos teñen que preparar e defender dúas posición respecto ao tema proposto (a favor e en contra). A competición divídese en tres fases de zona, unha primeira na que se engloban os equipos de Ferrol, Narón, Negreira e Outes; unha segunda na que están Ames, Santiago de Compostela e Teo; e unha terceira na que se encontran Pontevedra, Redondela e Rianxo. A final disputarase o 16 de maio nun lugar aínda por concretar, que terá como tema “O futuro do galego está en nós”.
En canto a fase de zona na que debaten os equipos de Ames, está formada por 4 equipos de Ames, 2 de Santiago de Compostela e 3 de Teo. A final desta fase celebrarase o 22 de abril no Salón de plenos do Concello de Teo e terá como tema “A sociedade está condicionada por influencers”. Desta xornada sairán os dous equipos gañadores para a final galega e recibirán un primeiro premio valorado en 500 euros e un segundo premio valorado en 300 euros.
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, animou aos participantes a que desfruten da experiencia e recalcou a importancia “da nosa lingua xa que é o motor deste proxecto” e engade que “espero que saían de aquí moitos e moitas galegofalantes e que todos/as se aventuren en dar ese cambio tan necesario e tan interesante ao galego”. Ademais recordou que Concellería está aberta a recibir todo tipo de achegas e suxestións por parte da mocidade.