Solapas principales

O Comité de Emerxencia Social destaca o incremento de necesidades e aproba unha instrución sobre as axudas de emerxencia e garantía para a renda municipal básica

Viernes, 10 de abril de 2020

O recentemente constituído Comité de Emerxencia Social celebrou a súa primeira xuntanza na que fixo balance sobre a situación actual dos servizos sociais, destacando o incremento de usuarios e necesidades en emerxencia social e as medidas que se están adoptando durante o estado de alarma. Igualmente, acordouse a necesidade de aprobar unha instrución sobre as axudas de emerxencia social e garantía para a renda municipal básica, de forma que se faciliten os trámites necesarios así como a revisión de documentación dun modo áxil. Asemade, falouse sobre a situación dos comedores e dos medios necesarios de carácter tecnolóxico aplicables aos servizos sociais, e da posta en funcionamento dunha liña de teléfono gratuíta para facilitar a comunicación cos usuarios e usuarias.

Nesta primeira xuntanza do Comité de Emerxencia Social participaron o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, a asesora xurídica de Servizos Sociais, Raquel Dopico, e os voceiros dos grupos políticos que conforman o goberno, Blas García, David Santomil e Genma Otero. O Comité de Emerxencia Social constituíuse co ánimo de dar cobertura ás demandas de primeira necesidade e realizar unha xestión eficiente e eficaz das diferentes axudas municipais para o seu reforzo durante a crise do Covid-19. O obxectivo final é o de cubrir todas as necesidades básicas dos usuarios e usuarias dos Servizos Sociais, así como dos novos casos que van xurdindo resultado da situación de desemprego, falta de ingresos e confinamento.
 
A nivel global, fíxose balance sobre a situación actual dos servizos sociais, destacando a tensión en emerxencia social e as medidas que se están adoptando durante o estado de alarma. Igualmente, detectouse a necesidade, a medio e curto prazo, no reparto de alimentos, polo que se porá en marcha algún mecanismo co Banco de Alimentos para a recollida de produtos nos centros comerciais, ben sexa de forma coordinada con eles ou de forma directa polo Concello. Neste sentido, hai que destacar que nos últimos días intensificouse o reparto de alimentos entre aquelas persoas, familias e/ou unidades de convivencia que o demandaron, e comezouse o reparto de lotes saudables (froita, verdura, queixo, iogures) entre as familias con nenos e nenas en comedor escolar bonificados con informe social.
 
Emerxencia social e renda municipal básica
Outro dos temas que se abordou na xuntanza foi a necesidade de aprobar unha instrución sobre as axudas de emerxencia social e garantía para a renda municipal básica, de forma que se faciliten os trámites necesarios así como a revisión de documentación dun modo áxil. A proposta de instrución recolle, en canto á tramitación dos procedementos de renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social, que se garantirá a elaboración e pagamento das prestacións económicas nos prazos establecidos.
 
Así mesmo procurarase, tendo en conta os medios persoais e técnicos, resolver os expedientes que estean completos e as reanudacións e modificacións que sexan posibles, así como tramitar novas solicitudes, sempre e cando o autorice a persoa solicitante. Ademais, en canto aos requirimentos de documentación que fosen necesarios, e dentro dos límites permitidos pola normativa aplicable, serase o máis flexible posible, permitindo a achega de documentación por correo electrónico, ou por calquera outro medio que permita a verificación da información necesaria.
 
En canto á documentación necesaria, as persoas solicitantes e membros da unidade de convivencia maiores de 18 anos asinarán as autorizacións de cesión de datos doutras administracións públicas (SEPE, INSS, TGSS, AEAT e Dirección Xeral de Catastro) e doutros departamentos municipais (Padrón Municipal e Oficina de Recadación Municipal) a través dos modelos de autorización. Respecto á documentación mínima necesaria que deben emitir os/as traballadores/as sociais (informe social e proxecto de integración social personalizado) darase validez ao informe social que se realizará cos datos recollidos telefonicamente ou por calquera outro medio válido, e coa valoración da documentación acompañada polas persoas interesadas e a solicitada de oficio polo departamento, sen que sexa imprescindible en todo caso que se realice unha visita domiciliaria, e sen prexuízo de que esta se deba realizar cando se restaure á situación de normalidade. As solicitudes de prestacións presentaranse por Rexistro, previa cita. Facilitaranse os formularios de solicitude por calquera medio telemático ou por calquera medio habilitado ao efecto.
 
No caso do proxecto de integración social admitirase que o asine a persoa solicitante presentando unha copia asinada por calquera medio telemático. En caso de que a persoa interesada non dispoña de medios telemáticos, e como algo excepcional, será o/a traballador/a social quen o asine, o/a cal deberá facer constar mediante unha declaración responsable, que a persoa solicitante se compromete a cumprir os obxectivos do proxecto. Asemade, mentres dure o estado de alarma a modalidade de talón nominativo será substituído preferentemente por ingreso en conta bancaria que facilite a persoa interesada, aberta ao seu propio nome ou de calquera membro da unidade familiar, e de forma extraordinaria por unha prestación en efectivo mediante o procedemento de anticipo de caixa.
 
Con esta instrución dáse cobertura á necesidade de axilizar estas axudas tal e como se acordou na Xunta de voceiros que tivo lugar a semana pasada.
 
Comedores e conectividade
Outro dos puntos que se debateu na primeira xuntanza do Comité de Emerxencia Social foi sobre a situación dos comedores, así como dos medios necesarios de carácter tecnolóxico aplicable aos servizos sociais. Neste sentido, decidiuse buscar a colaboración con algunha das compañías de telecomunicacións para tratar de facilitar a conectividade dos usuarios e usuarias demandantes de servizos sociais, co obxectivo de diminuír a fenda tecnolóxica. Neste sentido a empresa Vodafone amosou a súa disposición e estase en contacto con eles.
 
A concelleira de Servizos sociais destacou "a boa coordinación que se está a ter con Concellos e colectivos sociais como Cáritas, que permite prestar a mellor cobertura posible nestes momentos. Ademais, queremos agradecer o enorme traballo do persoal de Servizos Sociais e daquelas empresas e comercios que están a colaborar con nós ".
 
No tocante aos comedores, o Concello atende a día de hoxe aos usuarios de servizos sociais e a través do reparto de alimentos e as axudas de emerxencia social a aquelas familias con menores ingresos e usuarias do comedor. O Concello trasladará a través da Concellería de educación unha enquisa a todas as familias usuarias de comedor, tanto en educación primaria como infantil, para coñecer de mais preto a situación xeral das mesmas.
 
Liña 900
Por último, o Comité de Emerxencia Social destacou a necesidade de habilitar unha liña 900, un número de teléfono gratuíto para os Servizos Sociais, que dará opción de falar con Milladoiro ou Bertamiráns para citas, dúbidas ou consultas, facilitando así a comunicación cos usuarios e usuarias nestes momentos de dificultade. A liña habilitarse nos próximos dias.
 
O alcalde de Ames, José Miñones, destaca "a necesidade de ir adiantándonos ás demandas que imos ter e poder dar resposta inmediata á veciñanza".
Imaxe das oficinas de servizos sociais do Milladoiro