- Tematica
As obras de mellora da contorna da ponte sita no núcleo de Aguapesada iniciáronse o pasado luns 4 de outubro. O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, achegouse a Aguapesada para presenciar o inicio dos traballos de acondicionamento desta ponte situada no Camiño de Santiago (Fisterra-Muxía). As actuacións de mellora están subvencionadas pola Axencia de Turismo de Galicia.
A área de turismo do Concello de Ames solicitou unha axuda para a mellora paisaxística e de embelecemento de bens e recursos que se atopan no Camiño de Santiago, concretamente para o acondicionamento da contorna da ponte de Aguapesada. Con este fin a Axencia de Turismo de Galicia concedeu unha subvención de 15000 €, sobre un 55% do total de 27.225€ de investimento.
A ponte de Aguapesada está situada no antigo Camiño real de Santiago a Fisterra. É unha ponte de cantería con arco de medio punto que conta coa catalogación de ben de protección integral (BIC). Ao lado da ponte sitúase un muíño de rodicio movido pola agua do Rego dos Pasos e tamén catalogado como BIC. A ponte e a zona que a rodea sufriron unha restauración hai uns anos pero actualmente tanto a ponte como a zona de descanso atópanse nun evidente estado de deterioro.
As actuacións consisten no acondicionamento do terreo para levar o rego ao leito orixinal e que o mesmo atravese o arco central da ponte o que implica o retranqueo dun muro de pedra. Ademais reconstruirase o pavimento, vaise instalar un banco de granito e unha limpeza xeral da ponte.
As obras iniciadas o pasado luns 4 de outubro están a ser executadas pola empresa Excavaciones Pose S.L. O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, acompañado da Técnica de Turismo, Sonia Moure e da Técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, e o responsable do CIA, Esteban De la Fuente, achegáronse ao núcleo de Aguapesada para presenciar o inicio dos traballos de mellora da zona.
O concelleiro de Turismo, Manuel Lens, destacou a importancia da ponte de Augapesada xa que " é un punto de referencia do Camiño de Fisterra e que está cheo de historia, xa que aquí foi onde se xuntaron as tropas señoriais o 13 de Xuño 1471 para combater ao exercito de Fonseca II, Arzebispo de Santiago, na batalla de Altamira, así como un punto para tomar folgos antes de acometer a subida de mar de ovellas".
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Mejoran el ‘puente romano’ de Augapesada y su entorno"
La Voz de Galicia: "El río volverá a cruzar bajo puente romano de Augapesada, que recuperará su pavimento"