Solapas principales

O Concello de Ames anima á veciñanza de Ames a vacinarse contra a gripe

Miércoles, 14 de octubre de 2020

O Concello, en colaboración co SERGAS, anima á veciñanza, en especial aos grupos de risco, a vacinarse contra a gripe. A través do programa Amesán comezarán hoxe a repartirse as máscaras hixiénicas reutilizables que co lema “vacínate” enviou ao Concello o SERGAS. Ademais colocaranse carteis informativos nos edificios municipais, nos locais sociais e nos mini puntos limpos. A campaña de vacinación da gripe comezou onte, 13 de outubro, e rematará o 31 de decembro. Para vacinarse hai que pedir cita nos centros de saúde.

Este ano máis que nunca, as autoridades sanitarias teiman na necesidade de vacinarse contra a gripe. A insistencia baséase no risco que supón a convivencia de esta enfermidade estacional co coronavirus o que podería complicar as cousas tanto a nivel colectivo polo risco de saturación do sistema sanitario, como a nivel individual, no caso de que unha persoa se contaxie de ámbalas dúas doenzas.

A campaña da gripe comezou onte, 13 de outubro, e rematará o 31 de decembro. O lema deste ano é “Contra a gripe temos vacina” e nos carteis e nos distintos soportes publicitarios pódese ler tamén: “Este ano vacinarse é máis importante que nunca, porque cando te vacinas protéxeste e protexes ao resto, evitas contaxios e salvas vidas”. Ademais, a publicidade complétase co lema: “Vacínate con sentidiño porque para gripe si tempos vacina” e remite para máis información á páxina do Sergas. Para poder vacinarse hai que pedir cita nos centros de saúde. No caso de Ames, nos de Bertamiráns e do Milladoiro.

O SERGAS enviou a Ames máis de 3.000 tapabocas hixiénicos reutilizables que levan impreso: “Vacínate”. Repartiranse a través dos departamentos de sanidade, servizos sociais, promoción da Igualdade, dependencia, axuda a domicilio, migración e voluntariado que dirixe a concelleira Luísa Feijóo. Comezará a través do programa de envellecemento saudable “Amesán". Os profesores e profesoras do programa xa disporán esta tarde das máscaras para entregarlles aos seus alumnos e alumnas, na meirande parte dos casos persoal considerado de risco pola idade.

“Este ano é, ademais dunha cuestión de saúde, unha cuestión de responsabilidade”, manifesta a concelleira de Sanidade, Luisa Feijóo, quen engade que o concello poñerá todo o esforzo en darlle difusión á campaña e en insistir especialmente nos grupos de risco “comezaremos polos participantes no programa Amesán que por idade son poboación de risco, e colocaremos carteis en todo o concello para lembrar a campaña de vacinación”.

Poboación de risco

Ademais dos maiores de 65 anos aos que se lles insiste especialmente na vacinación, e os maiores de 60 aos que tamén se lle recomenda, o SERGAS considera persoas de risco, e polo tanto “Poboación Diana” aos residentes en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención a crónicos), ás mulleres embarazadas en calquera trimestre da xestación e puérperas nos primeiros 6 meses tras o parto se non foron vacinadas anteriormente, aos nenos e adolescentes de 6 a 18 anos con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico, aos nenos de entre 6 meses e dous anos de idade que naceran prematuros con 32 semanas de xestación, ás persoas menores de 60 anos e maiores de 6 meses con patoloxías de risco, aos profesionais ou estudantes en prácticas de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios, ás persoas que traballan en institucións xeriátricas ou en centros de atención a enfermos crónicos, ás persoas que proporcionan coidados domiciliarios a pacientes de risco ou a persoas maiores, conviventes (incluídos nenos) de persoas pertencentes a grupos de risco e persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade.

Imaxe da campaña de vacinación contra a gripe

Multimedia

  • Cartaz da campaña de vacinación contra a gripe