Solapas principales

O Concello coloca sinais nos accesos aos petróglifos de Monte Castelo e da Peneda Negra para evitar o paso de vehículos rodados

Sábado, 20 de febrero de 2021

As sinais que indicarán que non está permitido o paso aos vehículos rodados nos accesos aos petróglifos de Monte Castelo e da Peneda Negra, ámbolos dous situados na área arqueolóxica de A Ventosa e pertencentes ao conxunto do Parque Compostela Rupestre, colocaranse ao longo desta fin de semana. A acción desencadeouse despois de que se advertisen pegadas de vehículos rodados nos camiños de acceso aos monumentos e mesmo sobre as propias laxes. O Concello quere concienciar á cidadanía sobre a necesidade de protexer estes bens patrimoniais de Interese Cultural e, asemade, advertir da posibilidade de sancións no caso de que se identifiquen danos nos gravados.

Membros do colectivo A Rula e de Compostela Rupestre, entidade supramunicipal na que está integrado o Concello de Ames, ademais de varios particulares que visitan a zona, informaron ao Concello da presenza de pegadas de rodeiras de motos, quads e bicicletas nos camiños de accesos a dous dos petróglifos que forman parte do parque arqueolóxico Compostela Rupestre: o da Peneda Negra e Monte Castelo. As queixas advertían ademais do perigo que estas condutas supuñan para os petróglifos, podendo chegar a erosionar e danar os gravados, círculos concéntricos e coviñas, deste monumentos milenarios de inmenso valor patrimonial.

Para concienciar á veciñanza da importancia de protexer estes bens patrimoniais de Interese Cultural, colocaranse tres sinais para prohibir o paso aos vehículos rodados nestas zonas. Unha no camiño de ida e volta ao Monte Castelo e os outros nos dous accesos á Peneda Negra.

Esta actuación, realízase despois de recibir diferentes queixas de persoas que visitan os petróglifos e dos integrantes do colectivo A Rula, que foron os que puxeron de manifesto que estaban a acceder ás rochas bicicletas e motos, que poden erosionar, no caso de pasar por encima, os gravados, os círculos concéntricos e as coviñas que alí se atopan e que son únicos e que teñen un valor moi importante desde o punto de vista patrimonial. Trátase de Bens de Interese Cultural que están protexidos e calquera agresión a eles pode ser sancionada.

Dende o Concello, a través da concellaría de Educación e Patrimonio Histórico, agárdase que con esta sinalización se poida informar ás persoas que ata alí se achegan que non está permitido pasar por riba destas penedas, destas laxes, con bicicletas, quads ou outros vehículos rodados. Tampouco se permite que se pisen por parte das persoas que os visitan.

A importancia de preservar os petróglifos
O concelleiro de Educación e Patrimonio Histórico, David Santomil, explica que "temos que recalcar a importancia de preservar un patrimonio único que atesouramos, en boa parte da costa atlántica europea, e que no caso de Ames e do Val da Maia, existen exemplares únicos como os de Peneda Negra e Monte Castelo. Esta actuación está enmarcada nas medidas de protección dos petróglifos e sen dúbida incorporarase ao Plan Director do Parque Compostela Rupestre onde están integrados os concellos da comarca".

"O que pretendemos con esta actuación é informar e concienciar da necesidade de protexer os petróglifos da área arqueolóxica da Ventosa, o da Peneda Negra e o de Monte Castelo, tratando de impedir que accedan ao mesmo vehículos rodados, sexan bicicletas, motos ou quads que poidan danar de forma moi importante os gravados que alí se atopan e que atesouran centos de anos de historia", explica Santomil.

"É moi importante protexer estes bens e poñer en valor un patrimonio único que ademais é Ben de Interese Cultural. Ademais, cómpre informar á veciñanza de acceder a eles camiñando e non en vehículos rodados que poidan desgastar as pistas de acceso e danar de forma importante e irreversible os paneis. Polo tanto, recomendamos que non se acceda en vehículos rodados a ambas zonas arqueolóxicas e lembramos que as sancións poden ser importantes no caso de identificarse un dano nos gravados, que lembro unha vez máis, son Bens de Interese Cultural", acaba dicindo o concelleiro de Patrimonio Histórico.

Plan Director de Compostela Rupestre
A cooperación entre a Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra para o proxecto Parque Compostela Rupestre naceu en setembro de 2018 coa sinatura do convenio de colaboración en que as institucións se comprometían a xestionar, de maneira conxunta, a promoción e posta en valor da arte rupestre dos seus termos municipais. Coa contratación do Plan Director séntanse as bases do traballo interdisciplinario para o desenvolvemento do proxecto.

O Plan Director de Compostela Rupestre, licitado en decembro de 2020 por 95.000 euros, contempla o programa de actuacións nos petróglifos e na contorna próxima nos concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. Incluirá un plan específico de documentación e investigación, un plan de protección, conservación preventiva e de mantemento, e un plan de divulgación, comunicación e musealización. O prazo de execución é de 6 meses e estará elaborado por un equipo multidisciplinar.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Blindan petroglifos por la invasión de vehículos en Ames"

Imaxe do cartel colocado na zona arqueolóxica da Peneda Negra

Multimedia

  • Imaxe do cartel colocado na zona arqueolóxica da Peneda Negra
  • Imaxe con pegadas de rodeiras de motos próximas ás áreas arqueolóxicas
  • Petróglifo da área de Ventosa