- Tematica
A presidenta da Asociación de acollemento familiar “Acougo”, Carmen Dourado, acompañada de Natalia Gómez Bayón, nai de familia acolledora do Milladoiro, reuníronse coa concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, co obxectivo de pedir colaboración ao concello de Ames para difundir o programa e para solicitar que a administración local facilite a resolución dos trámites burocráticos que decotío teñen que afrontar as familias que acollen. A concelleira comprometeuse apoiar a “Acougo” tanto para dar a coñecer este programa como para estudar modos que faciliten os trámites que dependen do concello.
En Galicia hai centos de nenos e nenas que precisan temporalmente unha familia que os acolla, namentres a súa propia resolve os problemas que lle impiden facerse cargo deles. A Xunta de Galicia é a encargada do Programa de acollemento familiar ao que están acollidos estes menores e a Cruz Vermella quen o xestiona directamente. A necesidade dunha entidade profesional que aglutine e dea resposta a todos os problemas que xorden cando unha familia acolle, foi o que levou a varias familias galegas de acollida a crear a Asociación “Acougo”. A asociación pretende ademais servir como canle de difusión deste programa de acollemento familiar: “Son máis os nenos e as nenas que necesitan unha familia que as familias que se ofrecen para acoller e cremos que isto en parte se debe a un profundo descoñecemento do tema”, comenta a presidenta de “Acougo”, Carmen Dourado.
Dar a coñecer o programa e difundilo entre a cidadanía é o que leva ás familias de “Acougo” a solicitar entrevistas coas entidades locais, entre elas o Concello de Ames, con cuxa responsable de Servizos Sociais, Luísa Feijóo mantiveron na mañá de onte unha xuntanza. Carmen e Natalia transmitíronlle a Luísa a necesidade de que as administracións que están máis preto do cidadán establezan políticas que faciliten desenmarañar as complicacións burocráticas coas que adoitan atoparse as familias de acollida cando un neno ou unha nena chega á casa: “Un neno ou unha nena pode chegar a un fogar de acollida en calquera mes do ano e nese momento ten que empadroarse para poder acceder ao colexio, aos servizos médicos, aos programas de conciliación, ás actividades deportivas, aos comedores escolares. En moitas ocasións, os tempos de matrícula remataron e é moi frecuente que as familias se atopen con circunstancias burocráticas que dificultan o proceso de acollida. O que lle pedimos aos concellos é que teñan en conta estas circunstancias e que as contemplen á hora de elaborar bases, convocatorias e protocolos; cremos que se poden facer moitas cousas e sen demasiado custo económico: é unha cuestión máis de vontade que de cartos, máis de revisar políticas locais que de facer grandes cambios”, manifesta a presidenta de “Acougo”.
O concello de Ames nas bases de moitos dos programas que atenden as necesidades da infancia, como os comedores escolares ou os programas de conciliación, xa contempla a reserva dalgunhas prazas para posibles emerxencias que cheguen a través do departamento de Servizos Sociais. Porén a concelleira quere ir un paso máis alá: “Unha vez que un rapaz ou unha rapaza chega a unha familia de acollemento é un membro máis de pleno dereito desa familia. Queremos que desde os diferentes servizos se regule de xeito que non teñan que intervir os servizos sociais e que as familias non teñan que dar ningún tipo de explicacións de, por exemplo cando á hora de empadroar, porque ese neno ou esa nena non ten o mesmo apelido que o pai”. Luísa Feijóo comprometeuse a estudar formas para que estas cuestións estean presentes nas bases dos servizos municipais. Asemade comprometeuse a axudar a difusión do programa de acollemento familiar.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Apoio do Concello de Ames ao programa de acollemento familiar da Asociación Acougo"