- Tematica
“Tan iguais como diferentes". Este lema rezará na faixa que o Concello de Ames vai colocar o vindeiro domingo, 21 de marzo co gallo da celebración do "Día Mundial da Síndrome de Down". O departamento de Servizos Sociais leva anos colaborando coa Asociación Compostela Down para contribuír a visibilizar a realidade deste colectivo e a para acadar unha sociedade máis inclusiva. A pancarta estará exposta desde o día19 até o día 23 de marzo. Por outra banda, o Concello anima á veciñanza amesá a participar na campaña “Calcetíns diferentes” iniciada no ano 2019 para destacar o valor da diferenza. Tamén invita á veciñanza a conectarse o domingo, 21 a partir das 11:30 da mañá, ao evento virtual no que se lerá o "Decálogo pola inclusión", se entregarán os premios Down Galicia e actuarán Tanxugueiras e Orquestra Cinema.
"Se algo temos claro neste departamento é que a loita pola igualdade e pola inlcusión é unha batalla que se ten que librar todos os días. Emporiso, "os días de", como o que esta semana celebramos dedicado ás persoas con Síndrome de Down, teñen o valor de poñer a atención, de concitar á reflexión, neste caso salientando o concepto da diferencia xa que ningunha persoa é igual que outra e precisamente son esas diferencias as que nos enriquecen como individuos e como sociedade", manifesta a concelleira de Igualdade Luísa Feijóo.
A pancarta conmemorativa do Día Mundial da síndrome de Down colocarase na fachada principal da Casa do Concello o día 19 e permanecerá até o 23 co obxectivo de dar visibilidade ás persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, sensibilizar á sociedade para que se aproximen a elas con naturalidade, comprender as súas dificultades e esforzos e favorecer a inclusión educativa e social.
Acto a través de youtube con concerto e declaracións institucionais
Este ano, o Movemento Down en Galicia decidiu organizar un acto virtual co que busca visibilizar ás persoas coa síndrome de Down e dar voz ás súas reivindicacións. O que será retransmitido o propio domingo, 21 de marzo entre as 11:30 a 12:00ha través da canle de Youtube da Federación Down Galicia, incluirá as actuacións musicais de Tanxugueiras e da Orquesta Cinema, que participarán con senllos temas reivindicativos, e as declaracións institucionais do veciño de Ames Delmiro Prieto González, presidente de Down Galicia, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.
Pero, unha vez máis, as verdadeiras protagonistas desta sinalada data serán as persoas coa síndrome de Down, que se farán cargo da presentación e desenvolvemento do acto e farán oír a súa voz a través da lectura do "Decálogo pola Inclusión",expoñendo en primeira persoa as principais demandas e reclamacións do colectivo.
Serán as encargadas, ademais, de entregar o Premio Extraordinario de Down Galicia, que neste ano tan singular será outorgado ás familias, profesionais e persoas usuarias do Movemento Down en Galicia, pola súa gran capacidade de adaptación e polo esforzo amosado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19. O domingo podes conectarte para ver o acto neste enlace.
Campaña “calcetíns diferentes”.
Cómpre salientar asemade que o Concello anima a promocionar esta campaña a través do uso de "calcetíns diferentes" destacando así o valor da diferencia.
Esta campaña, iniciada no ano 2019 para as entidades que forman parte do Movemento Down en Galicia, xunto coa declaración do Día Mundial da Síndrome de Down, constitúen unha importante oportunidade para promover a conciencia e a comprensión sobre esta alteración cromosómica entre a opinión pública. Unha data que debe ser aproveitada para poñer en valor os dereitos das persoas que conforman este colectivo, facendo fincapé na súa reivindicación de gozar dunha vida plena e digna e ser cidadáns activos nas súas respectivas comunidades e no conxunto da sociedade.
Día Mundial da Síndrome de Down
En decembro do ano 2011, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 21 de marzo como o Día Mundial da Síndrome de Down. Con esta celebración, búscase xerar unha maior conciencia pública sobre a cuestión e recordar a valía e as valiosas contribucións das persoas con Síndrome de Down, así como a importancia da súa autonomía e a independencia individual, en particular a liberdade de tomar as súas propias decisións.
O Síndrome de Down, a pesar de que moitas persoas o crean, non é unha enfermidade. É unha condición, que ocorre cando aparece unha alteración xenética nos cromosomas. O normal é que as persoas ao nacer teñan 46 cromosomas, pero no caso dos recén nacidos con Down, este número é maior.
Isto débese a un proceso de división que da como resultado un cromosoma máis, chamado trisomía 21. De aí que se elixa o día 21 do mes 3 do ano, o como Día Mundial da Síndrome de Down para simbolizar esa trisomía.