Solapas principales

O Concello de Ames apela á solidariedade coa posta en marcha dunha campaña de recollida de alimentos

Sábado, 24 de octubre de 2015

[24-10-2015] O Concello de Ames, a través das concellarías de Servizos Sociais e Voluntariado e Promoción Económica, vai por en marcha unha campaña de recollida de alimentos baixo o lema “Ames, concello solidario”. A iniciativa ten por obxecto cubrir no posible as necesidades máis básicas das familias do municipio que están en risco de exclusión social, a través de alimentos non perecedoiros. Para levar a cabo a campaña, o Concello conta coa colaboración e implicación do tecido empresarial de Ames, a través da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI) a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro e a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar.

A campaña “Ames, concello solidario” desenvolverase de xeito ilimitado no tempo, coa recepción en diferentes establecementos comerciais do concello de alimentos non perecedoiros como aceite, tomate frito, leite, conservas, galletas ou cereais. Os comercios implicados faranse cargo da recepción dos alimentos e o Concello encargarase da súa retirada unha vez por semana ou, se é preciso facelo de xeito extraordinario, con maior frecuencia. Ao non ter límite de tempo, os establecementos comercias que o desexen poderán incorporarse á campaña en calquera momento, previo contacto coa Oficina Municipal do Voluntariado.

A concelleira de Voluntariado e Promoción Económica, Isabel González, destaca a idea de que “nun futuro, o Concello conte cun banco de alimentos e non teñamos que botar man destas campañas para axudar ás persoas máis necesitadas do municipio. En todo caso, e ata que chegue ese día, animamos á veciñanza de Ames a que colabore e que aporte eses alimentos non perecedoiros para axudar no día a día a esa xente que máis o require”. A concelleira de Servizos Sociais, Luisa Feijoo, agradeceu tamén “o apoio e implicación das catro asociacións de empresarios e comerciantes do concello para levar a cabo esta campaña”.

O Concello xa iniciou o reparto de trípticos informativos e cartelería para dar a coñecer a campaña “Ames, concello solidario” entre toda a veciñanza do municipio.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Empresas y comercios inicia una campaña de recogida de alimentos"