Solapas principales

O Concello de Ames aproba a concesión de 20.940 euros en axudas para a adquisición de material escolar e para as ANPAS

Martes, 14 de enero de 2025

A Xunta de Goberno Local aprobou nas últimas semanas a concesión de axudas por valor de 19.999,85 euros, para as actividades organizadas polas ANPAs dos centros educativos municipais durante o exercicio 2024, e maila concesión de 940,35 euros, para a adquisición de libros de texto e material escolar destinado ao alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil, correspondente ao curso 2023/2024. Estas dúas liñas de axudas municipal dependen da Concellaría de Planificación e Xestión Educativa.

​O Concello de Ames vén de aprobar a concesión e o pagamento de axudas por valor de 940,35 euros, para a adquisición de libros de texto e material escolar de nenos e nenas que cursaron o segundo ciclo de Educación Infantil nalgún dos centros escolares públicos do concello durante o curso 2023-2024. Dita aprobación fíxose efectiva na Xunta de Goberno Local do pasado 28 de novembro de 2024. En total beneficiáronse da subvención 20 estudantes.

A convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar estivo dirixida aos pais, nais ou titores legais dos nenos e nenas matriculados no curso escolar 2023/2024 nun centro de ensino sostido con fondos públicos, no nivel de educación infantil (segunda etapa, de 3 a 5 anos). Estas bolsas permiten financiar os gastos efectuados desde o 1 de agosto de 2023 e o día en que finalizou o prazo de presentación das solicitudes, o 1 de xullo de 2024.

Esta convocatoria tivo como finalidade facilitar a compra de libros de texto e materiais didácticos para o normal desenvolvemento da actividade académica, de maneira que a poboación escolar integrada en familias con menos recursos dispoña do material educativo preciso para a súa aprendizaxe na etapa de infantil, unha franxa de idade que carece de axudas deste tipo por parte da administración autonómica.

Axudas para as ANPAs de Ames
​Por outra banda, aprobouse na Xunta de Goberno Local do 19 de decembro a concesión de axudas para as actividades organizadas polas ANPAs dos centros educativos municipais en 2024. As subvencións ascenden a un total de 19.999,85 euros, que permiten apoiar as diversas propostas das asociacións tales como viaxes, actividades extraescolares ou a organización de encontros e xornadas.

A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, agradece “o traballo e dedicación do persoal das ANPAs. Estamos moi agradecidos polo seu esforzo e agardamos que esta achega permita dotalas de maior liquidez para realizar actividades nos colexios, así como dispor de financiamento suficiente para ampliar a súa programación”.

O importe desta liña de axudas repartiuse do seguinte xeito: A ANPA do CEIP Agro do Muíño recibirá 3.086,89 euros; a ANPA As Brañas do CEP de Ventín, 3.086,89 euros; a ANPA da Escola Infantil A Madalena, 750 euros; a ANPA do IES Plurilingüe de Ames, 3.086,89; a ANPA do IES do Milladoiro, 3.086,89 euros; a ANPA MILLAPEQUES, da Escola Infantil do Milladoiro, 2.057,93 euros; a ANPA do CEIP A Maía, 2.786,43 euros; e a ANPA San Mauro, do CEIP de Barouta, 2.057,93 euros.

Os conceptos subvencionables son os de viaxes culturais, actividades extraescolares, organización de encontros e xornadas, mobiliario, material didáctico, e actividades que fomenten a conciliación da vida laboral e familiar durante as xornadas lectivas. Os gastos obxecto de subvención deberon efectuarse no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024.

Entre os obxectivos principais desta convocatoria de axudas son enriquecer a formación da poboación escolar en Ames, a través de actividades complementarias á formación regrada que reciben nos centros educativos; promover a convivencia da poboación escolar fóra do ámbito puramente académico; e propiciar a mellora do rendemento por parte do alumnado.

Imaxe de arquivo do CEIP da Maía