- Tematica
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o pasado xoves, 14 de setembro, a concesión das axudas relativas á promoción das festas e actividades populares. Despois de resolver as solicitudes presentadas, o Goberno municipal aprobou o reparto de 25.000 euros entre un total de oito asociacións culturais e de festas. A esta subvención puideron optar todas as asociacións culturais e veciñais e comisións que realicen actividades de índole cultural. As entidades terán ata o día 31 de xaneiro de 2024 para presentar a xustificación de gastos.
O Concello de Ames acaba de aprobar, en Xunta de Goberno Local, o reparto de 25.000 euros entre asociacións do concello para a promoción de festas e actividades de carácter popular. A elas puideron optar aquelas asociacións culturais ou veciñais amesás que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións, cos datos de inscrición actualizados; e tamén as comisións de festas.
Os obxectivos primordiais desta liña de axudas son favorecer a existencia dunha programación festiva estable dentro do ámbito territorial do Concello de Ames, na que a veciñanza participe de forma activa, preservar as tradicións existentes e difundir a imaxe de Ames a través da súa oferta festiva, de xeito que esta sirva de dinamización para as parroquias.
Asociacións beneficiadas
As entidades que se beneficiaron da concesión destas axudas son a Asociación Sociocultural Mulleres de San Xoán de Ortoño, con 3.773 euros; a Asociación Cultural e de Festexos Santa María de Biduído, con 2.227 euros; a Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido, con 2.000 euros; e a Asociación Cultural Comisión de Festas de San Lourenzo de Agrón, con 1.000 euros.
Tamén recibiron a subvención a Asociación Cultural de Ames, con 2.000 euros; a Asociación Festas do Milladoiro, con 6.500 euros; a Asociación Cultural e Festexos Virxe da Peregrina, con 6.500 euros; e a Asociación Recreativo Cultural de Ameixenda, con 1.000 euros.
As asociacións e comisións subvencionadas deberán agora presentar a xustificación de gastos, que deben corresponder ao exercicio 2023. O prazo para facelo remata o 31 de xaneiro de 2024.