- Tematica
A Concellaría de Deportes celebra este sábado, 29 de febreiro, a súa décimo cuarta Gala do Deporte, o evento que anualmente homenaxea ás máis destacadas e destacados deportistas do concello, así como ás entidades deportivas. O acto contará con actuacións en directo e demostracións das rapazas e rapaces das Escolas deportivas municipais. O evento realizarase na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 20:30 horas. A Gala será presentada pola xornalista Lorena Pose e polo xornalista Diego Viaño. Neste evento colaboran a Deputación da Coruña, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e a Asociación de Empresario Novo Milladoiro.
O Concello de Ames organiza a décimo cuarta edición da Gala do Deporte, que se celebrará este sábado, 29 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As/os xornalistas Lorena Pose e Diego Viaño serán os encargados de presentar a devandita Gala. Ata o de agora, só se coñecen os nomes das candidatas e candidatos, polo que as persoas, escolas e clubs galardoados/as serán anunciados ao longo da Gala.
As categorías destes premios, que procuran pór en valor o deporte amesán, son nove: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista ou equipo máis destacado dun club, promesa masculina, promesa feminina, mellor club, recoñecemento especial, premio especial do público e premio Colaborames. Durante a celebración da Gala, haberá diversas actuacións en directo, así como demostracións das mozas e mozos que participan en varias modalidades das escolas e clubs deportivos.
Mellor deportista feminina e masculino
As candidatas a recibir o premio de mellor deportista feminina de Ames son Paula Blanco Prol e Nuria Rábano Blanco. Paula Blanco practica taekwondo e kick boxing. En taekwondo-do ITF participou no Mundial celebrado en Bulgaria e quedou campioa de España en combate (-57 kg). En kick boxing é a actual campioa de España sénior na modalidade de light contact e subcampioa na modalidade de point fighting, campioa galega na modalidade de point fighting e subcampioa na modalidade de light contact e kick light. Tamén quedou 5ª clasificada na Liga Last Round: liga nacional de tatami sport con 5 campionatos disputados por toda a península. É unha das deportistas galegas de alto nivel (DGAN). Nuría Rábano foi subcampioa no Mundial sub20 con España e actualmente é xogadora do RC Deportivo da Coruña que compite en primeira división.
Na categoría de mellor deportista masculino de Ames están nominados o xogador de baloncesto Pablo Hernández Montenegro, que en 2019 acadou o premio ao mellor xogador do ano na Conferencia American Midwest (AMC) e foi seleccionado entre os 10 mellores da AMC (First Team All-Conference). Tamén foi seleccionado entre os 10 mellores xogadores do país na liga NAIA e seleccionado para participar no partido das estrelas da liga NAIA. Outros dos nominados é o xogador de squash, Carlos Cornes Ribadas, que ocupa o posto 68 do ranking internacional e 3º no ranking español. O pasado ano foi subcampión de Europa con España, 5º posto no Europeo Individual, 8º posto no Mundial con España, semifinalista no campionato de España, campión de España por equipos. Tamén conseguiu 3 títulos internacionais en China, Bulgaria e Valencia. O terceiro nominado é Guillermo Carracedo (padle surf) que o pasado ano foi campión de España, subcampión do Mundo coa Selección Española, quedou no top 5 no ranking mundial individual e foi subcampión de Europa.
Mellor deportista/equipo dun club de Ames
No tocante ao mellor deportista/equipo dun club de Ames optan ao premio o equipo sénior feminino do CV Bruxas (1ª división autonómica/ 2ª división nacional), que foi campión galego da primeira división sénior autonómica na final do campionato disputada en Bertamiráns e conseguiu o ascenso á primeira división nacional feminina. Ademais, acadou a terceira posición na Copa Galicia 2019-2020, disputada entre os equipos de maior categoría de Galicia incluído Superliga.
Nesta categoría tamén está nominado Mateo Aller García (atletismo Millaraio/sub16), clasificado para o campionato de España de pista cuberta sub16 (salto de altura, 18º de 26 participantes), clasificado para o campionato de España ao aire libre sub16 (100 metros valos), convocado coa selección galega sub16 para as probas de relevos e 100 metros vaias, campión galego en pista cuberta en salto de lonxitude e altura, campión galego aire libre sub16 en 100 metros vaias e 300 metros vaias, campión galego de probas combinadas sub16 en pista cuberta (hexathlon: 60ml, 60m vaias, lanzamento de peso, salto de altura, salto de lonxitude e 1000 metros), campión galego de probas combinadas sub16 ao aire libre (octathlon: 100 ml, 100 m vaias, lanzamento de peso, lanzamento de disco, lanzamento de xavelina, salto de altura, salto con pértega e 1000 metros).
O terceiro candidato a este premio é o primeiro equipo do F.C. Meigas, que en 2019 foi campión de Liga Primeira Galicia e conseguiu o ascenso a Preferente Galicia. O equipo contou coa máxima goleadora do campionato e cunha xogadora convocada coa selección Española feminina de fútbol sala sub19, o 1º adestrador foi subcampión de España coa Galega feminina de fútbol sala sub19 e unha xogadora foi seleccionada coa selección Galega feminina de fútbol sala sub19 e outra coa sub16.
Mellor promesa feminina e masculino de Ames
Por outra banda, na categoría de mellor promesa feminina de Ames, a única candidata a este premios é a xogadora de fútbol sala do F.C. Meigas, Teresa Pereiro Lorenzo, que ten 17 anos. Co F.C. Meigas foi campioa de Liga Primeira Galicia e máxima goleadora do campionato. Foi convocada coa selección Española feminina de fútbol sala sub19 debutando e sumando 2 internacionalidades, sendo a primeira xogadora dun equipo do Concello de Ames convocada coa selección Española feminina de fútbol sala sub19. Tamén foi seleccionada cola selección Galega feminina de fútbol sala sub19, participando no Campionato de España sub19 coa selección Galega feminina de fútbol sala sub19. Tamén é deportista de Alto Rendemento pola Real Federación Española de Fútbol.
No apartado de mellor promesa masculino de Ames os candidatos son o xogador de fútbol, Hugo Novoa, de 17 anos, que pertence ao RasenBallsport Leipzig U17, internacional con España sub 17 e que debutou na Youth League con soamente 16 anos. Outros dos nominados é Saúl Berdullas Calviño (tenis/14 anos), que foi campión galego infantil e cadete, sendo aínda da categoría infantil, e campión de España da Copa Federación de tenis infantil de dobres masculino celebrado durante o mes de outubro do 2019 na Academia Equelite de Alacante.
O terceiro candidato é Alejandro Jiménez Rivas (atletismo Millaraio sub14) que foi campión galego 80 ml, subcampión galego salto de lonxitude sub14 ao aire libre, campión provincial de probas combinadas (tetrathlon: 80ml, 80m vaias, lanzamento de peso e salto lonxitude). Tamén logrou clasificarse para o campionato de España sub14 individual celebrado en Soria no triathlon: 80 metros lisos, 80 metros vaias, e lanzamento de peso (9º clasificado), medalla de ouro no relevo 6x60 metros celebrado no campionato, mellor marca galega da tempada nos 80 ml e campión provincial en 80 ml e salto de lonxitude.
Na Gala tamén se desvelará cal foi o mellor club de Ames en 2019 e coñecerase sobre quen recae o premio de recoñecemento especial e mailo premio Colaborames.
Último día para votar polo premio do público
A enquisa para votar polo/a mellor deportista amesá do 2019 está dispoñible na páxina web municipal e pode accederse a ela premendo no banner que está ao pé da páxina principal. Optan ao premio do público Guillermo Carracedo (padle surf), o xogador de squash Borja Golán, a futbolista Nuria Rábano, a xogadora de baloncesto Blanca Millán e o padexeiro, Gabriel Martínez.
As votacións poderanse realizar ata a última hora deste mércores, 26 de febreiro, na páxina web municipal. O premio do público será entregado na décimo cuarta Gala do Deporte. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas catro edicións anteriores, no momento da celebración do evento. Como soe ser habitual, este evento reunirá aos clubs e entidades deportivas do concello, así como ás/aos deportistas máis destacados durante o 2019 en Ames.