Solapas principales

O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro

Jueves, 26 de diciembre de 2024

O Concello de Ames presentou esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro o programa da Gran Festa de Reis, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xaneiro. As súas maxestades visitarán os dous núcleos urbanos de Ames, Milladoiro e Bertamiráns, e tamén farán as súas respectivas paradas polas zonas rurais do concello, ademais da tradicional cabalgata de reis o día 5 de xaneiro. Como novidade deste ano, haberá un servizo de tren que percorrerá Milladoiro e Bertamiráns para que os máis pequenos poidan percorrer as vilas dun xeito diferente. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas Garcia; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, e a concelleira de Benestar Social, Uxía García. Percorridos das Cabalgatas de Reis polo Milladoiro e Bertamiráns.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación da Gran Festa de Reis organizada polo Concello de Ames, un evento que permitirá gozar de actividades relacionadas cos Reis Magos en diferentes puntos do municipio entre os días 3 e 5 de xaneiro. Ao acto de presentación asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, e a concelleira de Benestar Social, Uxía García.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou a novidade da incorporación dun servizo de tren que percorrerá os dous núcleos urbanos de Ames as xornadas previas ao día de Reis, “haberá un tren os días 3 e 4 de xaneiro para que os nenos e nenas de Ames, e tamén de fóra, poidan dar un percorrido por Bertamiráns e Milladoiro”. Este servizo estará dispoñible o día 3 pola tarde e o sábado 4 tanto de mañá coma de tarde.

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu á empresa Iluminaciones Santiaguesas pola súa colaboración na decoración das carrozas, así como á empresa Galirent por proporcionar os coches para a visita dos Reis ás parroquias.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, animou aos rapaces e rapazas asistentes á afrontar a xornada da cabalgata con ilusión e explicou que “os pais e nais recibirán no correo electrónico o día e hora que se lles citará para a cabalgata”.

Así mesmo, a concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou a iniciativa levada a cabo por Arcea Adames coa creación de estrelas verdes que se entregarán aos cativos nas recepcións reais dos días 3 e 4 de xaneiro. Así mesmo, subiron durante a presentación tres integrantes da asociación para explicar como foi o proceso de elaboración.

Gran Festa de Reis
O programa comezará coas recepcións reais para os nenos e nenas de Ames os días 3 e 4 de xaneiro, tanto en Bertamiráns coma en Milladoiro. Nestas visitas, os máis pequenos poderán pedirlles os seus desexos ás Súas Maxestades. As recepcións faranse nos pavillóns municipais de ámbalas localidades; o venres 3 pola tarde de 17.00 a 19.30 horas e o sábado 4 pola mañá de 11.00 a 13.30 e pola tarde de 17.00 a 19.30 horas. As visitas terán un intervalo de 5 minutos por cada unidade familiar.

Para poder asistir, estableceuse un sistema de cita previa para evitar longas esperas. Deste xeito, as persoas interesadas poderán reservar a súa cita a través desta ligazón da Sede electrónica do Concello de Ames, seleccionando o día, hora e localidade á que se desexa asistir no apartado “Solicitar cita previa”. Unha vez seleccionado, haberá que escoller a localidade á que se desexe ir (Recepción Reis Magos Pavillón de Bertamiráns ou Milladoiro), seleccionar o día de asistencia (3 ou 4 de xaneiro) e darlle a Ver dispoñibilidade. Aparecerán 4 opcións nun menú despregable para consultar se quedan ocos libres no horario que se desexe. Só se poderá pedir unha cita por cada unidade familiar e, ademais, a reserva inclúe o pase polos tres Reis Magos.

Visitas ás parroquias e as Cabalgatas do Milladoiro e Bertamiráns
Por outra banda, o día previo á chegada dos agasallos dos Reis Magos, as Súas Maxestades percorrerán o domingo 5 todos os recunchos do concello, comezando polas parroquias do rural amesán. Deste xeito, a rapazada destes núcleos rurais tamén poderá gozar da visita dos Reis Magos. Iniciarán o seu percorrido pola Ameixenda e Cruxeiras ás 10.00, continuando por Augapesada ás 10.30, por Piñeiro e Covas ás 11.00, polos lugares de Tapia e Ortoño ás 11.30, por Lens ás 12.00, por Agrón e Bugallido ás 12.30, por Trasmonte á 13.00 e finalizando este percorrido en Biduído á 13.30.

Xa pola tarde, será a quenda das tradicionais cabalgatas de Reis nos principais núcleos urbanos de Ames. As familias interesadas en apuntar aos seus rapaces e rapazas para participar aínda están a tempo de poder inscribirse. Só é preciso enviar o impreso de inscrición a través da Sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas do Milladoiro e Bertamiráns.

A primeira cabalgata será a do Milladoiro, de 17.00 a 18.00 horas. A comitiva real sairá da Igrexa de San Xosé, proseguirá pola rúa Agriños – Travesía do Porto – Rúa Pardiñeiros – Agro do Medio – Rúa de Abaixo – Raxoeira – Rúa Anxeriz – Rúa Cruxa – Avenida Rosalía de Castro – Agro do Medio – Rúa Agro da Madalena – Rúa Cereixos – Travesía do Porto, rematando no pavillón.  Unha vez finalice o percorrido da cabalgata, o pavillón municipal abrirá as súas portas  para dar comezo á Gran Festa de Reis para gozar de música e chocolate con rosca.

Na mesma liña, a cabalgata de Reis en Bertamiráns será de 19.00 a 20.00 horas, comezando o percorrido á altura da Nave Obras do Concello; a continuación proseguirán por Avenida da Maía – Rúa do Pedregal – Travesía do Pedregal – Avenida da Maía – Avenida da Peregrina ata rematar no pavillón. Unha vez remate a cabalgata, ao igual que no Milladoiro, haberá un fin de festa con música no pavillón municipal con chocolate e rosca para todos os asistentes.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los Reyes Magos estarán en Ames del 3 al 5 de enero"

El Correo Gallego: "As celebracións pola chegada dos Reis prolongaranse durante tres días en Ames"

Lindeiros: "Os Reis Magos xa planificaron as primeiras visitas"

O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro

Multimedia

  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro
  • O Concello de Ames celebrará a súa Gran Festa de Reis do 3 ao 5 de xaneiro