Solapas principales

O Concello de Ames celebrará unhas Prebadaladas accesibles a persoas con discapacidade auditiva presentadas por Fátima Pego

Miércoles, 18 de diciembre de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, presentou esta mañá no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a programación da cuarta edición das Prebadaladas de fin de ano, unha actividade enmarcada dentro do Nadal en Ames. As xa tradicionais prebadaladas de Ames, presentadas este ano por Fátima Pego, celebraranse o 31 de decembro na Praza do Concello, en Bertamiráns, ás 12.00 horas. O acto contará coas actuacións das gañadoras da última edición do Canta con Ames, unha interpretación en lingua de signos e, ademais, repartiranse bolsas con cotillón, lambetadas e batidos para os máis pequenos e mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Na praza instalarase unha carpa para que os asistentes poidan gozar da actividade en caso de previsión meteorolóxica adversa. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo resumo das Prebadaladas de 2023.

O Concello de Ames presentou esta mañá, no Salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, a programación para as xa tradicionais Prebadaladas 2024, unha iniciativa que comezou a andar no 2019 e que, ano a ano, foi afianzándose entre a veciñanza de Ames para dar a benvida ao novo ano de maneira anticipada e cun ambiente festivo e familiar.

O alcalde de Ames, Blas García, animou a todo o mundo a achegarse a Ames para ser de novo “os primeiros en celebrar o ano novo” e explicou que esta “é unha forma de facer pobo dende o concello e que a veciñanza poida celebrar en conxunto a entrada no ano 2025”. Pola súa parte a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu ás empresas patrocinadoras a súa colaboración e fixo un chamamento á veciñanza para reunirse o día 31 ás 11 na Praza do Concello para tomar xuntos os xa tradicionais 12 arandos das prebadaladas de Ames.

Fátima Pego, a mestra de cerimonias, asegurou un “evento cheo de sorpresas que ninguén se debería perder”, mentres que Rubén Capeáns, de Mada Producións, cooperativa cultural que ofrece produtos de accesibilidade, asegurou que este ía ser un evento no que as persoas con discapacidade auditiva poderán gozar dunha experiencia plenamente inclusiva grazas ás mochilas vibratorias e á interpretación mediante lingua de signos.

Programación Prebadaladas 2024
O evento comezará coa apertura de portas e entrega de bolsas ás 11.00 que, para os adultos, conterán arandos, sidra e cotillón, mentres que para a rapazada terán uvas de lambetadas sen glute e batidos.  Este ano habilitarase o acceso á praza do Concello pola rúa do Ameneiral e, ademais, haberá unha carpa na Praza do Concello para poder celebrar as prebadaladas aínda que o tempo non acompañe.

Para a elaboración das bolsas, o Concello contou, un ano máis, coa colaboración da froitaría Tómate más Fruta, que obsequia os arandos; Estrella Galicia colaborou coa sidra; e a empresa de lácteos Feiraco, que colabora cos batidos para os máis pequenos. En total, repartiranse máis 500 bolsas para adultos e outras máis de 500 para nenos e nenas. Este ano haberá un posto de flocos de millo.

Como novidade desta edición, as prebadaladas, que darán comezo ás 12.00 horas, estarán conducidas pola cantante e presentadora Fátima Pego. Ademais, os asistentes poderán gozar da actuación das gañadoras da cuarta edición do Canta con Ames: Anaís Fernández (gañadora categoría de persoas ata 17 anos); Paula Barreiro (gañadora categoría maiores de 18 anos); e Silvia Veiga e Cecilia Pardo (gañadoras na categoría dúos e tríos).

Por outra banda, as Prebadaladas 2024 tamén contará con intérprete de lingua de signos e repartiranse mochilas vibratorias para as persoas con discapacidade auditiva. Repartiranse 8 mochilas e para solicitalas, os interesados deberán enviar un correo electrónico ao enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal.

No acto, ademais de tomar por adiantado as 12 uvas de xeito simbólico, farase a entrega de premios da segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024”, unha iniciativa que ten como obxectivo que a mocidade amesá explore e coñeza o concello. Repartiranse 3 premios; un primeiro premio de tres vales para unha viaxe, por valor de 600 euros para cada membro do equipo; un segundo premio de tres vales para gastar en electrónica ou tecnoloxía, por valor de 300 euros, para cada membro do equipo; e un terceiro premio con tres vales de 150 euros para compras en establecementos do comercio local en Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames tendrá «prebadaladas» accesibles con actuaciones musicales y entrega de premios"

El Correo Gallego: "Prebadaladas en Ames para dar a benvida a 2025 con 12 arandos"

Imaxe da presentación das Prebadaladas 2024

Multimedia

  • O Concello de Ames celebrará unhas Prebadaladas accesibles a persoas con discapacidade auditiva presentadas por Fátima Pego
  • O Concello de Ames celebrará unhas Prebadaladas accesibles a persoas con discapacidade auditiva presentadas por Fátima Pego
  • Embedded thumbnail for