- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, apoia a celebración dunha cea solidaria que terá lugar o 15 de novembro a beneficio da Fundación Tierra de Hombres. Desenvolverase a partir das 21.30 horas no Hotel Oca Puerta del Camino (Santiago de Compostela), con música para amenizar a velada e o sorteo de regalos cedidos por El Corte Inglés, Casa da Zuleiro e Galería Os Catro Gatos.
A cea solidaria, á que pode asistir calquera persoa que queira aportar o seu gran de area, terá un prezo de 30 euros para adultos e de 15 euros para nenos, que serán aboados no número de conta ES88 2080 0036 6730 4001 9673. Os fondos que se consigan servirán para apoiar os proxectos que desenvolve a fundación.
Para amenizar a velada, contarase coa presenza na cea da disco móbil La Gramola. Ademais, realizaranse sorteos entre os asistentes de regalos cedidos por El Corte Inglés, Casa da Zuleiro e Galería Os Catro Gatos. As reservas, que teñen como data límite o 13 de novembro, pódense formalizar enviando un correo a deleg.galicia@tierradehombres.org ou chamando ao teléfono 600 322 944.
Fundación Tierra de Hombres
A Fundación Tierra de Hombres adícase fundamentalmente á Cooperación ao Desenvolvemento. No ámbito da saúde, loitan por ofrecer un acceso aos coidados básicos a todos os nenos e nenas, sen ter en conta o lugar onde se atopen.
Os seu traballo neste ámbito inclúe un importante seguimento vinculado á desnutrición, así como un dos proxectos históricos de Tierra de Hombres, Atencións Médicas Especializadas (AME) con traslados para coidados especializados co programa “Viaxe cara á Vida”. Este, lévase a cabo cando a enfermidade dos pequenos precisa dunha tecnoloxía e infraestruturas das que carecen nos seus países de orixe.
Os nenos e nenas que realizan esta “Viaxe cara á Vida” , fano sen compañía da súa familia, polo que a principal preocupación é que desde o instante en que se separan, o/a menor nunca estea nin senta só/a. Actívase así unha cadea de solidariedade de equipos médicos que realizan o tratamento dos nenos, familias de acollida temporal seleccionada pola Fundación que coidan dos pequenos ata a súa marcha e voluntariado que os acompaña durante os traslados, grazas á colaboración de Aviación Sen Fronteiras. Persoas que de forma altruísta participan en toda a «viaxe» dos nenos e nenas, desde o seu traslado a España, ata a súa estancia no Hospital, posterior recuperación e volta ao seu país de orixe.
No ano 2018, en Galicia, foron trasladados 5 menores e 9 foron tratados nos hospitais galegos.