Solapas principales

O Concello de Ames colabora coa cea solidaria de Entroido impulsada por SOGAPS

Miércoles, 19 de febrero de 2025

A asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza unha nova edición da cea de Entroido solidaria co pobo saharauí, co obxectivo de recadar fondos para o desenvolvemento do programa Vacacións en Paz. A cea terá lugar no Hotel Congreso, no concello de Teo, o vindeiro sábado 8 de marzo, ás 21:00 horas. Para asistir pódese contactar con Esther Ybarra, voceira de SOGAPS na comarca, chamando ao número de teléfono 609 76 49 45; ou coa propia asociación, no 986 26 26 37. Tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo sogaps.oficial@gmail.com. As entradas para acudir á cea poderanse adquirir ata o luns 3 de marzo.

Un ano máis, a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí organiza unha cea de Entroido solidaria, co obxectivo de recadar fondos para sufragar o programa Vacacións en Paz, unha iniciativa a través da que rapaces e rapazas de Tindouf (Alxeria) poden pasar o verán en Galicia, acollidos por familias voluntarias. Ditos fondos destínanse integramente ao financiamento dos billetes de avión destes nenos e nenas, e búscase que poidan viaxar o maior número de crianzas posibles.

A cea solidaria deste ano realizarase o sábado 8 de marzo, no Hotel Congreso, situado en Montouto, no concello de Teo, ás 21:00 horas. Haberá un menú para adultos, que custará 50 euros, e outro infantil, por 30 euros. Como en anteriores ocasións, vólvese a propoñer unha temática de ambientación. Desta volta, a temática é “Noite Meiga”. Así, as persoas que o desexen poderán acudir disfrazadas. O prezo do menú inclúe a cea, achega económica solidaria, decoración temática, concurso de disfraces e 3 horas de música.

Para participar na cea é preciso contactar con Esther Ybarra, voceira de SOGAPS na comarca, a través do número de teléfono 609 76 49 45; ou coa propia asociación,no número 986 26 26 37. Tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo sogaps.oficial@gmail.com. As entradas para acudir á cea poderanse adquirir ata o luns 3 de marzo.

Ademais, existe unha Fila 0 de SOGAPS (ES48 2080 5056 1130 4006 3331) para aquelas persoas que non poidan acudir á cea e queiran facer unha achega económica para dito programa.

Colaboración do Concello de Ames
O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social, colabora activamente na difusión deste programa, e invita a todas as familias que o desexen a acoller un neno ou nena. Recórdase, ademais que a iniciativa se presenta nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos rapaces e rapazas. Trátase de ofrecerlles a estes cativos e cativas a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, contribuíndo así á súa formación.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, agradece o traballo que realiza a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). “Dende o Concello de Ames apoiamos o programa Vacación en Paz sufragando os billetes de avión que permiten que varios rapaces e rapazas pasen o verán no noso concello. Imos a seguir apoiando este programa porque somos un concello solidario. O programa Vacacións en Paz non é nada sen as familias e sen o traballo que fai SOGAPS”.

O Concello de Ames colabora coa cea solidaria de Entroido impulsada por SOGAPS