Miércoles, 22 de abril de 2020
- Tematica
Preto de 1.000 alumnos/as recibirán nos seus fogares os libros de texto, ordenadores e material escolar do terceiro trimestre do curso 2019/2020. O goberno municipal ofreceu a súa colaboración aos equipos directivos dos centros escolares de Ames, dependentes da Xunta de Galicia, debido á situación de alarma sanitaria motivada polo COVID-19 e ás limitacións na mobilidade para desprazarse até os colexios por parte das familias.
Neste senso, enviouse un escrito o 19 de abril á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e mantivéronse conversas cos directores/as dos colexios en previsión da necesidade de entregar ao alumnado os libros de texto, ordenadores e outro material correspondente ao terceiro trimestre de curso escolar.
Ante a ausencia de resposta oficial por parte da Xunta de Galicia o Concello de Ames ofreceuse a realizar o reparto e poñer todos os medios propios ao seu alcance para colaborar no reparto con 8 equipos de traballo de dúas persoas.
Este martes, 21 de abril, comezou a distribución do material dos centros educativos que así o solicitaron, o que permitirá chegar aos fogares de preto de 1.000 alumnos/as ao longo desta semana e poder facilitar a continuidade das actividades lectivas ata o final do curso.
No dispositivo de reparto participan, ademais dos propios centros escolares, voluntarios/as de Protección Civil, persoal municipal da Brigada de Obras e da Rede Municipal de Comedores Escolares, coordinados pola Concellaría de Educación.
O Concello de Ames agradece o esforzo que están a realizar todas as persoas que participan no reparto e agradece a colaboración das familias.