Solapas principales

O Concello de Ames colabora no último videoclip da Banda da Loba, “Cobiza”, co que presentan novo disco

Viernes, 29 de abril de 2022

O grupo musical galego A Banda da Loba vén de lanzar o videoclip de “Cobiza”, o terceiro adianto do seu cuarto álbum “Xabón Lagarta”, publicado este venres 29. Neste senso, o Concello de Ames colaborou na creación do vídeo musical, cedendo a súa nave de obras, situada na estrada de Lapido, para a rodaxe e o desenvolvemento deste proxecto audiovisual. Premendo nesta ligazón pódese ver o videoclip de “Cobiza”, na canle de Youtube da Banda da Loba.

O grupo A Banda da Loba publica este venres 29 o seu cuarto proxecto, “Xabón Lagarta”, un disco inspirado no universo das lavandeiras e nos lavadoiros, espazos de confidencias, experiencias compartidas, insubmisión e liberdade. Como parte do lanzamento do álbum, no serán deste xoves 28 a banda compartiu o terceiro adianto do disco, o tema “Cobiza”, acompañado dun vídeo musical dispoñible na súa canle de Youtube.

Para esta creación audiovisual, A Banda da Loba contou coa colaboración do Concello de Ames, que cedeu e facilitou as instalacións da súa nave de obras, situada na estrada de Lapido, para a gravación e a produción do vídeo musical. A amplitude do espazo e a súa estrutura contribúen ao efecto buscado no vídeo, no que destaca un escritorio dun despacho illado nun baleiro escuro, con apenas varias fontes de iluminación.

A canción “Cobiza” e o propio proxecto audiovisual están inspirados na novela homónima de María Reimóndez, e interpela ás persoas que ostentan o poder e os grandes capitais. “Cobiza” busca chamar a atención e que reflexionemos sobre o modelo actual de consumo, e o egoísmo que ás veces nos caracteriza como sociedade. Para conseguir esta imaxe, a posta de escena cede o seu protagonismo a un home que representa a cobiza, sentado no seu escritorio, ao que a sociedade vai presionando para facelo cambiar.

A Banda da Loba é unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual. Está formada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Inés Mirás (guitarra), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz). Son gañadoras de importantes premios como o Aritmar Galiza e Portugal á mellor canción en lingua galega, que compartiron con Salvador Sobral como gañador á mellor canción en lingua portuguesa, ou o Martín Códax da Música Galega na categoría de pop/indie no 2021.

O vídeo foi dirixido, gravado e editado por Lucas Terceiro, coa produción de Seispés (Xiana Lastra, Adrián Gómez e Martiño Fernández) e o making de Román Sanín. O equipo de baile estivo composto por Xiana Vilas, María Paula Balcázar, Mariña Ferreiro, Sabela Gauranga, Miguel Gendre e Jose Gregorio Vera, mentres que o actor principal foi Pablo Fontenla.

Ademais, no equipo de arte traballou Antonio Calvo, como estilista e director artístico; Conchi Silvent no vestiario; María Freire, Nagore Rodríguez e Nerea Sánchez, na maquillaxe; Justo Seoane e Lucía López, en perruquería, e Montse Vilela no atrezzo.

O alcalde de Ames, Blas García, indicou que o concello ten as portas abertas para todos os proxectos e propostas audiovisuais. “O Concello de Ames colabora e seguirá colaborando con todos os proxectos audiovisuais que queiran realizarse no noso municipio, e este é un exemplo claro, onde ademais se mistura coa difusión da cultura galega e de grupos no noso país”.

O Concello de Ames colabora no último videoclip da Banda da Loba, “Cobiza”, co que presentan novo disco

Multimedia

  • O Concello de Ames colabora no último videoclip da Banda da Loba, “Cobiza”, co que presentan novo disco
  • O Concello de Ames colabora no último videoclip da Banda da Loba, “Cobiza”, co que presentan novo disco
  • O Concello de Ames colabora no último videoclip da Banda da Loba, “Cobiza”, co que presentan novo disco
  • O Concello de Ames colabora no último videoclip da Banda da Loba, “Cobiza”, co que presentan novo disco
  • O Concello de Ames colabora no último videoclip da Banda da Loba, “Cobiza”, co que presentan novo disco
  • O Concello de Ames colabora no último videoclip da Banda da Loba, “Cobiza”, co que presentan novo disco
  • Embedded thumbnail for