A Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ven de colocar varias sinais en diversas zonas de Ames con importante presenza de gatos para evitar que se produzan atropelos de felinos. Baixo o lema “Déixaos cruzar”, búscase poñer en alerta aos condutores para que reduzan a velocidade por determinadas zonas do municipio, o que pode evitar danos tanto para condutores como para os animais, co obxectivo de fomentar unha coexistencia adecuada entre veciños e animais. Esta iniciativa continúa o traballo iniciado coa sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Ames e SOS Animalia, no que se recolle a implantación do proxecto CES en Ames, que consiste na captura, esterilización e solta de gatos que viven nas colonias situadas no Concello.
Ao longo desta semana, a Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible procedeu á colocación de tres sinais en distintas zonas do municipio amesá para informar aos condutores da posible presenza de felinos na estrada. Así, dous destes indicadores foron instalados nas proximidades das dúas colonias de gatos rexistradas no concello, ambas na localidade de Bertamiráns. A primeira colocouse preto do Parque Ameneiral, cerca da colonia felina situada na rúa Rueiro, mentres que a segunda se atopa xunta A Galiña Azul. Por outra banda, instalouse tamén unha terceira en Castrigo, zona na que se está a incrementar a presenza deste tipo de animais.
Mediante esta iniciativa búscase advertir aos condutores sobre a presenza de gatos/as nos arredores destas sinais, co obxectivo de que aminoren a súa velocidade e se manteñan alerta para evitar o atropelo destes felinos. Esta idea supón un paso máis na protección das colonias de gatos locais, iniciada coa implantación do proxecto CES por parte do Concello. A través desta iniciativa, na que están colaboran tamén a asociación SOS Animalia e diversos veterinarios amesás, perséguese establecer un protocolo de control e salubridade das colonias felinas de Ames mediante a captura, esterilización e solta destes animais.
Dende a posta en marcha deste proxecto, realizouse a esterilización dun total de 39 gatos/as, 24 pertencentes á colonia de Rueiro e 15 ao grupo situado nas proximidades da Galiña Azul. Ademais, a raíz desta iniciativa, foron varios os particulares que se sumaron a esta forma de proceder na zona de Castrigo, onde tamén se están desenvolvendo o proxecto CES a cargo da cidadanía.
O obxectivo deste programa municipal é regularizar a presenza de felinos en Ames e controlar a alimentación destes animais, algo que se viña facendo dende hai anos por veciños e veciñas de xeito incontrolado. As principais vantaxes da aplicación do programa de control de colonias felinas son a mellora das condicións de vida dos gatos/as, xa que deste xeito pasan a estar censados e esterilizados; as parcelas nas que existen colonias felinas controladas pasan a estar limpos; evítase a proliferación descontrolada de gatos/as; impídese a aparición de roedores; e a través da esterilización elimínanse os miañados e pelexas propias dos gatos non esterilizados e castrados, favorecendo a convivencia cidadá. Asemade, a finais deste mes, a Concellaría de Medio Ambiente espera instalar dúas casetas para gatos en terreos de propiedade municipal situados nas proximidades destas colonias.