- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, realizou esta mañá, ás 12:00 horas, unha concentración diante da Casa do Concello, en Bertamiráns, e diante das oficinas municipais do Milladoiro en repulsa do triplo crime machista ocorrido este luns, 16 de setembro, no municipio de Valga. Con estas tres novas vítimas mortais xa son cinco as mulleres asasinadas este ano en Galicia por violencia machista. En marzo houbo outro asasinato en Valga e en xullo un en Vilalba.
Os membros da Corporación municipal, traballadores/as municipais, e veciños e veciñas de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ante os asasinatos acontecidos este luns, 16 de setembro, no concello de Valga, onde foron asasinadas Sandra Boquete Jamardo, Alba Boquete Jamardo e María Elena Jamardo Figueroa. Durante a concentración, que tivo lugar en Bertamiráns e no Milladoiro, gardouse un minuto de silencio en lembranza destas mulleres que foron vítimas desta lacra.
O Concello de Ames pon a disposición de todas aquelas mulleres que precisen información sobre o maltrato, asesoramento xurídico e/ou acompañamento psicosocial o CIM de Ames (Centro de Información a Muller). Para elo poden achegarse ata os departamentos de Servizos Sociais ou chamar aos números de teléfono de atención dos Servizos Sociais de Bertamiráns, 981 890 964, e dos Servizos Sociais do Milladoiro, 981 535 941, ou directamente ao teléfono do CIM: 662371392 . Ademais, tamén poden recibir atención no 016, o Teléfono da Muller.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destacou que “este suceso se cadra tócanos máis de preto; lonxe de adiarnos danos máis forza para seguir traballando na educación, a sensibilización, a prevención dende os máis pequenos e as familias. Temos que seguir saíndo as rúas, berrando forte e alto, demostrando que este sistema patriarcal pódese cambiar. Convidamos a toda a veciñanza a sumarse aos actos programados pola Plataforma Feminista de Ames. Temos que deixar claro que en Ames estamos en contra de todo tipo de violencia e sobre todo en contra das violencias machistas”.
Concentración no Milladoiro e Bertamiráns
A Plataforma Feminista Galega convocou para este mércores, 18 de setembro, ás 20:00 horas, varias concentracións en cidades e localidades galegas baixo o lema Non máis #Feminicidios!! No concello de Ames haberá dúas concentracións: unha na praza da Maía, en Bertamiráns, e outra no paseo da Igualdade, ao carón do IES Milladoiro.
Manifestación Nocturna cun símbolo, a luz violeta
Por outra banda, hai que destacar que a Plataforma Feminista Galega convocou para este venres, 20 de setembro, ás 20:30 horas, unha Manifestación Nocturna cun símbolo, a luz violeta. Deste xeito, o Concello de Ames e maila Plataforma feminista de Ames únense a convocatoria da Plataforma Feminista Galega. Durante a semana haberá mesas informativas no Milladoiro e Bertamiráns.
Hoxe martes, 17 de setembro, farase unha Asemblea Aberta na praza da Maía, ás 19:00 horas, para preparar o 20S. O venres, 20 de setembro, realizarase unha concentración nocturna, ás 20:30 horas, na praza do Concello. Dende o Concello de Ames súmanse a esta iniciativa iluminando a fachada da Casa Consistorial. Convídase á veciñanza a asistir a dita concentración.