- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellería de Benestar Social, colabora coa Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes (ANEDIA) na conmemoración do Día Mundial da Diabetes este xoves 14 de novembro. Así, está programada unha iluminación da fachada da casa do concello na cor azul oficial da campaña, a colocación dunha faixa no balcón e a difusión dos vídeos da campaña a través desta mesma páxina web.
O lema da campaña deste ano é #QueADiabetesNonTePare, que concerne os retos para este 2019: camiñar e moverse pola diabetes. Desta maneira, este lema estará presente na lona que se colocará para o día de mañá na fachada da casa do concello. Ademais, durante esta noite será iluminada a fachada na cor oficial da campaña, a azul, e realizarase a difusión dos vídeos oficias a través da páxina web do Concello.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijoo, recalca “a importancia do papel da familia para que as persoas con diabetes poidan recibir un diagnóstico temperá e lles axuden a controlala para que poidan ter unha vida perfectamente normal, cunha boa calidade de vida”. Ademais engade que “a familia é un axente crave a hora de modificar hábitos, en prol dunha vida máis saudable”.
Día Mundial da Diabetes
O Día Mundial da Diabetes vense celebrando desde 1991, cando a Federación Internacional de Diabetes e a Organización Mundial da Saúde escolleron o 14 de novembro para lembrar o aniversario de Frederick Banting, quen, xunto con Charles Best, tivo a idea que lles conduciría ao descubrimento da insulina, en outubro de 1921. En decembro de 2006 a ONU aprobou unha resolución que incluía esta data no seu calendario de días oficiais da saúde, sumándose así á súa celebración a partir de 2007.
A diabetes é aquela situación na que os niveis de azucre (ou glicosa) no sangue están aumentados. É unha das principais causa de cegueira, amputación, enfermidade do corazón, insuficiencia renal e morte prematura.