- Tematica
As Concellerías de Promoción Económica e de Igualdade realizaron unha peza audiovisual para dar visibilidade á muller na ciencia e a innovación, mostrando distintas iniciativas que, dende o eido privado e público, se están a desenvolver por mulleres e nenas de Ames. O vídeo está protagonizado por alumnas dos centros públicos escolares: IES de Ames, IES do Milladoiro, CEIP de Barouta, CEP Plurilingüe de Ventín, CEIP A Maía e CEIP Agro do Muíño. Ademais, contouse coa colaboración de mulleres do ámbito da ciencia e innovación de empresas de Ames como Conic Vascular España, Bahía Software e Tecalis, así como cunha investigadora matemática e coa médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.
Hoxe, 11 de febreiro, celébrase o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. O Concello de Ames uniuse a esta conmemoración realizando un vídeo protagonizado por veciñas de Ames co obxectivo de visibilizar ás mulleres neste campo. As Concellerías de Promoción Económica e de Igualdade foron as responsables desta iniciativa que, producida pola empresa Mirabelle Produccións, pódese ver premendo nesta ligazón. Ademais, distribuirase en diferentes formatos e plataformas.
Deste xeito, faise pública a labor que, tanto rapazas como adultas, realizan no sector da ciencia. O vídeo recolle o traballo que fan nenas como Laura Montaña e Rosana Fernández do IES Ames; Clara González e Antía Somoza, xunto coa súa profesora Mónica Parente, no IES do Milladoiro; Martina Rey Pérez, Aixa Tarrio Mato, Enma Martinez Carrillo e Adriana Trenco Varela, alumnas do CEIP de Barouta. Ademais, neste traballo audiovisual tamén aparecen Sara Zendón e Elena Ventoso, do CEP Plurilingüe de Ventín; Aldara Domínguez e Candela Penedo do CEIP A Maía, e Zoe Glasscock e Julia Abelleira do CEIP Agro do Muíño.
En canto ás mulleres que se adican á ciencia e á innovación en Ames, o vídeo mostra empresas innovadoras con sede no concello de Ames. Deste xeito, participan Paula Rey, responsable de calidade da empresa Conic Vascular España; Paz Dapena, xefa de proxectos da empresa Bahía Software; e Berta Caro, directora de corporativo da empresa Tecalis. Ademais, participan no proxecto Victoria Otero Espinar, unha investigadora matemática, que dispón dunha experiencia en investigación de 32 anos e cunha experiencia como docente de 34 anos, e Magdalena Seco, médico e xefa de servizo do centro de saúde do Milladoiro.
#NonMoreMatildas
Por outra banda, cómpre destacar que o Concello de Ames únese ao movemento #NoMoreMatildas, que nace da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas para denunciar as consecuencias do Efecto Matilda, que non é outro que o de non recoñecer os logros das mulleres científicas cuxo traballo se atribuía na maioría das veces aos seus colegas masculinos ou mesmo aos seus maridos, e que conta co respaldo do Parlamento Europeo.
Dentro desta campaña realizouse un vídeo que podes ver premendo nesta ligazón, onde se reflexiona que houbese pasado se Einstein houbese sido muller en lugar de home? E se plantexan preguntas como se o seu xenio científico houbera chegado tan lonxe?; ou se sería tan universalmente coñecida?
Dende a Concellería de Igualdade, anímase a todas as nosas 'Matildas', nenas, mozas, profesionais, mulleres de ciencias a que visibilicen o seu apoio ao movemento subindo fotos ás redes cos hastag #NonMaisMatildas e etiquetando ao Concello de Ames (@ConcelloAmes en Twitter; @Concello de Ames en Facebook; e @concellodeames en Instagram).
Ames coa ciencia e a innovación
O Concello de Ames, como membro da Rede Innpulso, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, traballa co sector empresarial amesán no desenvolvemento de políticas de promoción empresarial que incentiven un modelo produtivo baseado na ciencia e a innovación. Entre os diferentes proxectos que se realizaron, destacan o InnovaAmes ou a recente adquisición do espazo coworking A Proa, adicado a empresas innovadoras.