Solapas principales

O concello de Ames conta con 82 desempregados menos segundo as estadísticas do SEPE

Miércoles, 14 de abril de 2021

O departamento de Promoción Económica e Emprego do Concello de Ames informa sobre os datos que vén de publicar o Servizo Público de Emprego Estatal. Segundo as estadísticas que manexa o SEPE durante o pasado mes de marzo baixo o paro en Ames en 82 persoas. No pasado mes de febreiro o número de desempregados/as era de 2.095, polo que despois de descender o paro en 82 persoas, na actualidade hai 1.983 persoas (808 homes e 1.175 mulleres) desempregadas no concello de Ames. O sector servizos, con 1.558 persoas desempregadas, é o máis castigado, seguido do sector da construción. Dende o Concello de Ames desenvólvense programas integrados e obradoiros duais de emprego, compartidos co Concello de Brión, e que contan con financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade, co obxectivo de insertar no mercado laboral a aquelas persoas que participan nestes programas.

Segundo o último informe do Servizo Público de Emprego Estatal, o número actual de persoas desempregadas no mes de marzo do 2021 en Ames é de 1.983, fronte ás 2.095 do mes de febreiro. Isto supón un descenso de 82 persoas e que a taxa de desemprego baixou no último mes un 5,35% . As mulleres superan aos homes como demandantes de emprego: 1.175, fronte a 808. O sector máis castigado é o de servizos con 994 mulleres demandantes de emprego e 564 homes. Séguelle o sector da construción con 108 homes en paro e 11 mulleres.

Por tramos de idade, a maior taxa de paro entre os homes está entre as persoas de entre 55 e 59 anos con 131 persoas. No tramo de idade de entre 50 e 54 anos hai 113 desempregados e entre os maiores de 59 anos hai 105 homes sen traballo. En canto ás mulleres, o paro concéntrase no tramo de idade de 45 a 49 anos con 189 desempregadas, no tramo de 40 a 44 anos con 182 mulleres sen traballo, e entre 50 e 54 anos onde hai 155 mulleres desempregadas.   

En canto ao nivel formativo, o maior número de parados/as teñen estudos de educación primaria (268 homes e 364 mulleres), seguido de estudos correspondente á primeira etapa de secundaria (230 homes e 267 mulleres), e de estudos da segunda etapa de secundaria (147 homes e 204 mulleres).

Tendo en conta estes datos, Ames é o concello da comarca que lidera o descenso de persoas desempregadas, con 82 desempregados/as menos durante o pasado mes de marzo. Séguelle Carballo con 77 parados/as menos; e Ribeira recortou o paro en 49 persoas menos. Tamén descendeu o paro noutros concellos da contorna como en Lalín (-43), Cee (-40), Noia (-37), e Oroso (-35).

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, destaca "o traballo que realiza o persoal municipal do departamento de Emprego e Orientación Laboral, xa que axuda e asesora á veciñanza amesá na busca de emprego, e traballa na posta en marcha de obradoiros de emprego e do programa integrado para o emprego, que ano tras ano consigue uns excelentes resultados de inserción laboral”.

Programas integrados de emprego
A edición 2019-2020 do programa integrado de emprego de Ames e Brión, que deu comezo en outubro de 2019 e que estaba dirixido a 100 persoas desempregadas, das que 85 eran menores de 30 anos e 15 maiores de 45, rematou as súas actividades o pasado 28 de febreiro, pola ampliación do seu período de execución pola COVID-19. Durante a realización de dito programa, 56 persoas tiveron polo menos un contrato laboral, o que supera amplamente o obxectivo de inserción inicialmente fixado. A través deste programa realizáronse un total de 23 accións formativas presenciais e leváronse a cabo prácticas non laborais con 56 persoas participantes, asinando os correspondentes convenios de colaboración con empresas da comarca dos diferentes sectores relacionados coa formación impartida.

Na actualidade, estase a desenvolver o programa integrado de emprego Ames-Brión 2020-2021, que está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 213.599,74€ e cofinanciado polos concellos de Ames e Brión. Este programa está dirixido a 100 mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión. Durante este mes de abril  están comezando a impartirse as seguintes accións formativas: Coaching, Inglés básico, Inglés intermedio e atención ao público, Marca persoal e Busca de emprego.

Ademais, estase a tramitar a licitación de 8 itinerarios formativos profesionais e máis dúas plataformas; unha de xestión e outra de formación on line, que xunto co fomento das prácticas non laborais en empresas e a titorización individualizada pretende acadar a inserción de calidade do maior número de mulleres que participan en dito programa.

Itinerarios formativos profesionais
Os itinerarios formativos profesionais que se están a licitar están divididos en 8 lotes. O lote 1 de accións formativas está composto por cursos de monitor de actividades de tempo libre, monitor de comedor e transporte escolar, primeiros auxilios en educación infantil, monitor de espazos de ocio infantil, e de ocio inclusivo (teleformación). O segundo lote contempla actividades de comercio e atención ao público, preparación e xestión de pedidos e un curso de comercio electrónico (teleformación). O lote número 3 recolle accións formativas de limpeza de superficies e locais, hoteis. No cuarto lote inclúense actividades de alfabetización informática e ofimática de nivel intermedio.

O lote 5 dispón de accións de atención sociosanitaria a persoas dependentes I.S. e de atención a persoas dependentes en domicilio. O sexto lote dispón dun curso de operador de carretilla elevadora. No lote 7 hai accións de información turística e atención ao cliente en recepción, auxiliar de información en eventos e monitor de educación ambiental e organización de rutas. Por último o lote número 8 inclúe accións formativas de competencias clave.   

Obradoiros duais de emprego
Por outra banda, os Concello de Ames e Brión están desenvolvendo o obradoiro dual de emprego ForestAmes-Brión no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e un equipo de 5 persoas que forman o persoal administrativo e docente. Durante 9 meses os traballadores/as recibirán formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta con 410 horas de duración.

O alumnado deste obradoiro xa realizou traballos de limpeza, desbroce, plantación de fincas municipais, acondicionamento de pistas forestais e revisión e acondicionamento do viveiro de Barouta. Tamén se están realizando traballos de cubicación de madeira e preparación de xestión de ámbitos de protección contra incendios forestais de núcleos no concello de Brión.

Por último, cómpre destacar a demanda de empresas do sector fotovoltaico de profesionais formados no anterior obradoiro dual RenovAmes-Brión III, para cubrir as necesidades de persoal cualificado neste sector emerxente e xerador de emprego cualificado. Neste obradoiro participaron 20 alumnos/as traballadores/as (15 de Ames e 5 de Brión) e un equipo de 5 persoas encargouse da formación e xestión do proxecto. Nesta ocasión, a formación centrouse no sector da enerxía fotovoltaica. As prácticas dirixíronse cara á instalación e mantemento de equipamentos solares fotovoltaicos en edificios municipais de Ames e de Brión.

Novas relacionadas:

Compostela 24 Horas: "Ames conta con 82 desempregados menos segundo as estadísticas do SEPE"

El Correo Gallego: "A construción e máis os servizos concentran os preto de dous mil parados amesáns"

Imaxe do obradoiro de emprego ForestAmes-Brión

Multimedia

  • Imaxe do obradoiro de emprego ForestAmes-Brión
  • Imaxe do obradoiro de emprego ForestAmes-Brión
  • Imaxe do obradoiro de emprego ForestAmes-Brión
  • Imaxe do obradoiro de emprego ForestAmes-Brión
  • Imaxe do curso de coaching do programa integrado de emprego Ames-Brión
  • Imaxe do curso de coaching do programa integrado de emprego Ames-Brión