- Tematica
Esta mañá presentouse o novo sitio web do Concello de Ames, que inclúe importantes novidades: un novo portal de transparencia, o portal de Mediatec@mes, un novo cadro de navegación, recupérase a axenda de eventos en portada, etc. O novo sitio web está orientado aos usuarios/as cun deseño inicial que facilita unha rápida localización da información, sen ter que afondar en varios niveis de profundidade, e o acceso a trámites e servizos. Ademais, a nova web é plenamente funcional en dispositivos móbiles algo que antes non sucedía. En dito acto estiveron o alcalde en funcións, José Miñones, a concelleira en funcións de Comunicación, Isabel Vaquero, e mailo responsable da empresa Tecnologías Plexus, Ángel Taboada. A empresa Tecnologías Plexus, xunto co persoal da Concellaría de Comunicación, foi a encargada do deseño do novo sitio web que foi elaborada con base en tecnoloxías abertas.
Dende este luns, 10 de xuño, xa está accesible o novo sitio web municipal no enderezo habitual www.concellodeames.gal. Renovouse para mellorar e aumentar a información e as posibilidades de comunicación coa veciñanza, mellorar a transparencia municipal, permitir o acceso pleno e funcional mediante dispositivos móbiles, modernizar o deseño, ordenar os contidos, garantir a accesibilidade, facilitar a integración da web coas redes sociais, etc.
A web municipal púxose en marcha en 2005. Posteriormente, no ano 2001 fíxose unha revisión do sitio web cun cambio na portada e na distribución dos contidos. Naquel momento tamén se introduciu un apartado dedicado ao audiovisual con vídeos e galerías de imaxes e vinculouse o sitio web ás redes sociais (Facebook e Twitter), dándolle a posibilidade aos usuarios/as de publicar nos seus muros as nova municipais que máis lle interesasen.
Dende a última revisión da páxina web pasaron oito anos e as necesidades e posibilidades mudaron moito. Ames é un concello dinámico e novo, polo que precisa canles de información e comunicación adaptadas ao século XXI. Os hábitos de comunicación da veciñanza cambiaron nos últimos anos, polo que foi preciso darlle un impulso ás redes sociais, adaptar a web aos dispositivos móbiles, e facilitar os trámites entre a Administración local e o cidadán.
A concelleira en funcións de Comunicación, Isabel Vaquero, destacou que “se trata dun sitio web elaborado con tecnoloxías abertas o que lle vai permitir seguir medrando no futuro de xeito descentralizado. Poderán ser os propios empregados municipais os que o fagan. Trátase dunha web que amplía as posibilidades dos usuarios/as, incrementa as posibilidades de comunicación, de facer transaccións, de informarse sen acudir ás dependencias municipais e potencia a transparencia. Tamén incrementa as posibilidades de comunicación do Concello coa veciñanza, a través da nova nova canle de Telegram, e da veciñanza cara o propio Concello, co novo servizo de incidencias”.
Importancia da estruturación dos contidos
A portada do novo portal web está dividido en oito apartados. O primeiro é a cabeceira, onde se sitúa o logotipo do Concello, o enderezo web, os logos de acceso ás redes socias municipais (Facebook e Twitter) e da nova canle de Telegram, o idioma, opcións de accesibilidade e un buscador. Esta é unha das principais novidades do novo sitio web. Agora disponse dun buscador xeral que lle permitirá ao usuario/a facer unha busca individualizada do que desexa atopar. Ademais, existente buscadores internos en diferentes apartados coa mesma función.
O segundo apartado é o de destacados, onde se colocarán imaxes daquelas campañas, trámites e servizos que haxa que destacar durante un prazo de tempo concreto. Tralos destacados atópase o apartado de Avisos, que será un dos principais apartado de contido dinámico da web. Seguirase actualizando diariamente con mensaxes breves enfocados aos usuarios/a dos servizos municipais.
Despois, está o cadro de navegación da web, que está dividido en cinco pestanas: Trámites e servizos; Atención cidadá, información e participación; Transparencia; Organización municipal; e Ames. No apartado de Trámites hai cargados arredor de 90 trámites sobre os pasos que cómpre dar para usar os servizos municipais. Ademais, inclúe formularios en liña, ligazóns, documentación, normativa aplicable, etc. No apartado de Atención cidadá e participación, compre salientar o servizo de incidencias, con xeolocalización e a posibilidade de achegar imaxes.
Un dos puntos fortes foi a aposta por potenciar os contidos de transparencia para cumprir cos índices de transparencia da organización Transparencia Internacional. Estes contidos están tanto no apartado de Transparencia coma no de Organización municipal, non só fornecendo os contidos, senón tratando de estruturalos da maneira máis clara posible, facéndoos doadamente accesibles aos usuarios/as. Existen novos apartados con buscador como o de Normativa municipal (onde se poden atopar os bandos, ordenanzas, regulamentos e outros), así como o apartado de Resolucións xudiciais.
Os apartados de Actualidade e Axenda, ao igual que o de Avisos, serán outros dos apartados con información dinámica da web que se irán renovando diariamente. Estes apartados son fundamentais para dar conta da actualidade municipal e das distintas actividades municipais que se programan no concello. Por último, están os apartados de banners e pé de páxina. Dende este último pódese acceder directamente ao apartado de subscricións de boletíns.
O alcalde en funcións, José Miñones, destacou o traballo feito dende a Concellaría de Comunicación e dixo “poderíamos dicir que son catro presentación xuntas nunha soa porque se está presentando o novo sitio web, pero tamén se está presentando o portal da Mediatec@mes, o novo portal de transparencia, e os novos mapas das rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. Son moitos os contidos incluídos na nova web, que se irán incrementando no futuro porque pretendemos que sexa unha web dinámica e viva”.
Maiores posibilidades de comunicación
Por outra banda, hai que destacar a creación dunha nova canle de Telegram, e a aposta por continuar ofrecendo o servizo de subscrición a boletíns, a través do correo electrónico, onde hai máis de 3.600 usuarios/as. Tamén se continuará dando información á veciñanza a través das redes sociais: Facebook e Twitter. Ademais, amplíanse as posibilidades de comunicación da veciñanza co Concello so servizo de envío de incidencias que permite incluír a xeolocalización e achegar imaxes.
Trátase dun web dinámico que debe estar en constante mellora e transformación, tanto pola actualización dos contidos existentes como pola necesidade de incluír novos apartados. O web permite tamén o seu uso tanto ao persoal técnico responsable do sitio como ao persoal dos diversos departamentos municipais, claves para descentralizalo e ampliar e atender contidos. Neste momento sae en idioma galego, pero ampliaranse os contidos estáticos a español e outros idiomas.
O responsable da empresa Tecnologías Plexus, Ángel Taboada, explicou que se trata “dunha web limpa, accesible e fácil de utilizar para os veciños/as dende o punto de vista das comunicacións dixitais. Penso que con este sitio web se conseguiu o obxectivo co que se iniciou este proxecto. Ademais, pedíusenos que lle deramos moita importancia ao apartado da transparencia e penso que neste senso se creou un portal moi logrado e coa información moi ben ordenada. Como non pode ser doutro xeito quedamos a disposición do Concello para futuras ampliacións da web ou doutras empresas que acometan esta tarefa”.