Solapas principales

O Concello de Ames contará cun obradoiro dual de emprego en enerxías renovables

Miércoles, 11 de agosto de 2021

Anunciouno a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na súa visita ao Concello de Ames.  A Corporación Municipal ao completo recibiu a María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, na súa visita ao concello para coñecer de primeira man os obradoiros de emprego e os programas integrados. O percorrido comezou no Salón de Plenos onde os voceiros dos distintos partidos políticos lle agradeceron a visita. Seguidamente visitaron a UAF, a Unidade de Acción Formativa que a Xunta de Galicia ten no concello. A visita rematou no Centro de Formación de Emprego do Concello de Ames onde a conselleira se achegou ao traballo que están a realizar os 20 alumnos do Obradoiro ForestAmes-Brión. A conselleira aproveitou a visita para anunciar a concesión da axuda que ten tramitada o Concello de Ames para impartir un obradoiro dual de emprego en enerxías renovables. Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, agradeceulle a estreita colaboración entre administracións e trasladoulle o proxecto de crear un centro de referencia de enerxías renovables no Concello de Ames.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, chegaba á Casa do concello ás 11:30 da mañá. Alí foi recibida polo alcalde de Ames e polos membros da Corporación Municipal. A visita comezou no Salón de Plenos onde os voceiros dos distintos partidos políticos lle agradeceron a visita e lle pediron, entre outras cousas, o seu compromiso para traballar na inserción laboral da xente nova ou na recuperación do sector cultural, dous eidos de grande importancia no concello. O alcalde de Ames, Blas García, agradeceulle a visita e fixo un balance do traballo que en Ames se leva realizando para incentivar o emprego “o Concello de Ames leva moitos anos apostando polo emprego, dende o ano 2005 máis de 2000 persoas pasaron polos obradoiros de formación e os programas integrados de emprego”.

O alcalde aproveitou a visita para facerlle entrega dun proxecto moi ambicioso: a creación dun centro de referencia de enerxías renovables para toda Galicia na actual Unidade de Acción Formativa que a Xunta ten no concello de Ames “o proxecto é crear un centro de referencia de enerxías renovables para toda Galicia que combine un espacio de formación e práctica para o alumnado e un espacio de exposición das enerxías renovables para poder explicar as distintas enerxías e como é o seu funcionamento”, explicaba o alcalde. Dende a Consellería comprometéronse en analizar dita proposta que valoraron de xeito positivo.

A visita continuou na UAF, a  Unidade de Acción Formativa que a Xunta de Galicia ten no Concello de Ames. Alí a conselleira puido coñecer as accións formativas que se están levando a cabo entre o Concello de Ames e a Consellería de Emprego e as aulas e os talleres en que se imparten. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, quixo agradecer a estreita colaboración entre a Xunta e o Concello de Ames, sen a cal sería inviable realizar este tipo de accións. Segundo a conselleira “a Xunta vai seguir apostando nun eido tan importante como é a formación, tanto de empregados como de desempregados para mellorar as cifras de emprego e a calidade do mesmo” e engadiu “contamos cun orzamento de 355 millóns de euros, dos cales 152 millóns están destinados á formación”.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, anunciou que, este ano 2021, a Xunta vai aumentar o orzamento destinado ás accións formativas ata cubrir o 100% das solicitudes presentadas nesta convocatoria, confirmando deste xeito a concesión da subvención solicitada polo Concello de Ames para impartir un obradoiro dual de emprego en enerxías renovables.

O percorrido rematou no Centro de Formación de Emprego do Concello de Ames onde a conselleira coñeceu de primeira man o traballo que están a realizar os 20 alumnos do Obradoiro ForestAmes-Brión. Neste senso, o alcalde de Ames quixo agradecerlle a colaboración ao Concello de Brión, pois considera que este traballo entre concellos é clave para acadar moitos obxectivos, ademais, de que supón un aforro para os cidadáns.

Programas integrados de emprego
Na actualidade, estase desenvolvendo o programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2021, que está financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 213.599,74 euros e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión. Neste programa participan 100 mulleres desempregadas, dos concellos de Ames e Brión. Este é a décimo terceira edición de dito programa integrado que tivo moi bos resultados de inserción en todas as súas edicións.

Obradoiros duais de emprego
Ademais, os Concellos de Ames e Brión están impartindo o obradoiro dual de emprego ForestAmes-Brión no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e un equipo de 5 persoas que forman o persoal administrativo e docente. Este obradoiro comezou o pasado 28 de decembro de 2020 e realizarase ata o 27 de setembro de 2021. Durante 9 meses os traballadores/as están recibindo formación específica sobre o certificado de profesionalidade oficial de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, que conta con 410 horas de duración. Este obradoiro tamén está sufragado pola Consellería de Emprego e Igualdade, da Xunta de Galicia, e con achegas municipais dos Concellos de Ames e Brión.

O alumnado deste obradoiro xa realizou traballos de limpeza, desbroce, plantación de fincas municipais, acondicionamento de pistas forestais e revisión e acondicionamento do viveiro de Barouta. Tamén se están realizando traballos de cubicación de madeira e preparación de xestión de ámbitos de protección contra incendios forestais de núcleos no concello de Brión.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Maía se beneficiará de un taller puntero sobre energía fotovoltaica"

La Voz de Galicia: "Veinte alumnos en el taller dual de empleo Renov de Ames y Brión"

A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames

Multimedia

  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames
  • A Conselleira de Emprego e Igualdade visitou o Concello de Ames