Solapas principales

O Concello de Ames decreta a suspensión de todas as actividades en instalacións municipais ata novo aviso pola situación sanitaria provocada polo COVID-19

Viernes, 13 de marzo de 2020

O Comité de seguimento para o COVID-19 reuniuse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, para acordar que se suspenden ata novo aviso todas as actividades que estaba previsto que se desenvolvesen en espazos e instalacións municipais debido á situación sanitaria provocada polo coronavirus. O alcalde vén de emitir un decreto e un bando municipal no que se informa das instalacións que pechan, as que permanecerán abertas, a suspensión de espectáculos públicos e actividades recreativas, así como da suspensión da prestación de diferentes servizos municipais. Ao pé desta nova podes descargar o decreto e mailo bando municipal, así como a cartelería elaborada polo Concello con información sobre os protocolos de actuación e de hixiene que é preciso levar a cabo diariamente.

Dende o Concello de Ames transmítese unha mensaxe de tranquilidade a toda a veciñanza e indícase que o goberno municipal está en contacto coas autoridades con competencias sanitarias, particularmente coa Consellería de Sanidade e co resto de organismos públicos como a FEGAMP, co obxectivo de actuar de xeito coordinado ante calquera continxencia derivada do brote de enfermidade por coronavirus.

Debido a situación actual creouse un Comité de seguimento para o COVID-19, que se reuniu esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello, integrado por representantes do goberno municipal, Comité de empresa, Xunta de Persoal, Comité de Seguridade e Saúde e persoal municipal. Dito Comité seguirase reunindo, se é preciso, durante os vindeiros días para analizar toda a información e recomendacións que cheguen das autoridades competentes, así como a actualización de datos dos que se dispoñan.

Peche de instalacións municipais
O Concello de Ames, a través dun decreto de Alcaldía, decreta o peche ao público, con efectos dende este venres 13 de marzo, as seguintes instalacións municipais: todas as instalacións deportivas pechas e que están ao aire libre; Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro (salvo o anexo onde se sitúa a cafetería ao que soamente se poderá acceder dende a rúa); bibliotecas municipais; escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena; local de usos múltiples de Aldea Nova; locais socio culturais; centro socio deportivo da Telleira; centro de maiores do Milladoiro; centro de formación de Aldea Nova; Aula da natureza; e Pazo da Peregrina.

Unicamente permanecerán abertas ao público as seguintes instalacións municipais: Casa do Concello, en Bertamiráns; Oficinas de Educación, situadas no Pazo da Peregrina; oficinas de Urbanismo; oficinas municipais do Milladoiro; e oficinas de servizos sociais do Milladoiro e de Bertamiráns. Nestas instalacións que permanecerán abertas priorízase a atención telefónica e telemática. Ademais, faise un chamamento a cordura e sensatez da veciñanza para que acudan a estas instalación se só é imprescindible. Os teléfonos de contacto do Concello son 981 883 002 e 881 074 730 e recoméndase á poboación que, antes de acudir ás instalacións indicadas, concerten unha cita telefónica.  
 
No que se refire a atención dos Rexistros municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, recoméndase, non acudir de xeito presencial, sempre que sexa posible e facer a tramitación a través da Sede electrónica municipal. Para calquera consulta tamén se pode enviar un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal

Suspensión de espectáculos públicos e actividades recreativas
Por outra banda, suspéndense temporalmente dende este venres, 13 de marzo, e ata novo aviso os espectáculos públicos e actividades recreativas (actividades de lecer, culturais, deportivas e similares), que se se desenvolven en espazos pechados e en espazos abertos.

Deste xeito, suspéndese a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas con máis de 500 persoas en espazos pechados. En caso de estar por debaixo deste límite poderán celebrarse sempre que non se supere un terzo da capacidade autorizada, aplicando as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias. Esta limitación non afectará espazos pechados cunha capacidade igual ou inferior a 50 persoas, ben que deberán aplicarse as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias.

En espazos abertos recoméndase a suspensión da celebración de actividades colectivas ao aire libre. En todo caso, suspéndense aquelas que concentren máis de 500 persoas (mercados, festivais, concertos, feiras, festas populares e similares). En todo caso, deberán aplicarse as medida s de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias.

Ademais, suspéndese temporalmente dende hoxe, venres 13 de marzo, e ata nova aviso os servizos da Aula CEMIT; programas de Conciliación (Bos Días Cole, Tardes Divertidas, e Comedores Escolares); programa Amesan; Escolas culturais e deportivas; actividades de voluntariado; Escola Municipal de Música; Escolas infantís de titularidade municipal (O Bosque e A Madalena); servizos deportivos prestados na instalación Centro Deportivo Municipal A Telleira; actividades de Sanagua; actividades municipais deportivas, culturais, medioambientais, de ocio e demais programadas.

Suspéndese tamén temporalmente dende o 14 de marzo de 2020 e ata nova aviso a actividade de mercadillo de Bertamiráns e mailos plenos municipais serán a porta pechada. Por acordo unánime dos voceiros dos grupos este ano non terá lugar o pleno do debate do estado do concello de Ames que tería que celebrarse no mes de marzo.

Información para a veciñanza
As persoas que presenten síntomas respiratorios como febre, tose e falta de respiración (nalgúns casos tamén pode haber síntomas dixestivos como diarrea e dor abdominal ou dor de garganta) e foron recentemente (nos últimos 14 días) a unha zona de risco ou mantiveron un contacto estreito cun caso confirmado, deben permanecer na casa e contactar cos servizos de saúde por teléfono chamando ao teléfono gratuíto de información sobre o coronavirus en Galicia que é 900 400 116. É importante non acudir ao centro de saúde ou ao hospital, salvo emerxencia, e chamar a dito número de teléfono. Só en casos de urxencia se debe chamar ao 061.
 
Tamén é importante seguir as recomendacións de prevención e manter unha hixiene frecuente das mans lavándoas con auga e xabón ou aplicando solucións alcohólicas. É importante evitar tocar coas mans os ollos, o nariz e a boca. Cando se tose ou espirre é importante cubrir a boca e a nariz co cóbado dobrado.

Medidas de carácter xeral
Algunhas das medidas de carácter xeral, que debe adoptar a cidadanía son evitar as viaxes que non sexan necesarias; non acudir aos lugares con aglomeracións de xente especialmente sitios pechados; non realizar compras masivas de alimentos e produtos de limpeza e hixiene; e consultar as fontes oficiais de información do Ministerio de Sanidade e do Sergas.

Imaxe da reunión mantida polo Comité de seguimento para o COVID-19

Multimedia

  • Cartel informativo do Coronavirus-COVID19
  • Cartel informativo do Coronavirus-COVID19
  • Cartel informativo do Coronavirus-COVID19
  • Embedded thumbnail for