Solapas principales

O Concello de Ames destina 83.000€ á mellora dos parques infantís

Lunes, 30 de agosto de 2021

O Concello de Ames está a realizar actuacións de mellora da seguridade nos parques infantís para que cumpran os parámetros e esixencias de prevención e seguridade. Estas actuacións de mantemento estanse a desenvolver en 11 parques infantís do rural e en 9  das zonas urbanas. Esta posta a punto dos parques infantís ascende a máis de 83.000€.

Ames ten máis de 30 parques infantís distribuídos ao longo do concello. Nos últimos meses, realizáronse traballos co fin de que poidan ser utilizados en condicións de seguridade e conseguir que os mesmos cumpran coa normativa en vigor en materia de parques infantís. Nese senso, dende o Departamento de Obras e Servizos Básicos estase a corrixir calquera defecto que comprometa a seguridade dos elementos de cada un dos parques infantís, xa sexan defectos producidos por desgaste, condicións climáticas adversas ou vandalismo.

As actuacións que se están a realizar consisten na reparación e adaptación á normativa en vigor dos xogos existentes, incluso substituíndo completamente os elementos que así o precisen, e na mellora das condicións de seguridade dos pavimentos e peches dos mesmos.

Estas obras de mellora leváronse a cabo tanto en parques infantís do rural coma no núcleo urbano. Concretamente actuouse en once parques infantís do rural entre os que destacan: o parque de Proupín, o de Aguapesada, o de Cruxeiras, o de Castiñeiro do Lobo, Piñeiro, o de Agro do Muíño, o de Biduído, o das Mimosas, o de Ventín, o de Guimaráns e o de Aldea Nova.

Do mesmo xeito realizouse a posta a punto de nove parques infantís situados nos núcleos urbanos municipais do concello de Ames. Actuouse en seis parques do Milladoiro e en tres de Bertamiráns. No Milladoiro melloráronse os parques da rúa Estivada de Castelao, na rúa Travesa, na rúa Seidón, na praza de Manuel Murguía, o situado entre Rosalía de Castro, a Cruxa e o Agro do Medio e o situado entre Agro do Medio, Agro da Madalena e Viorneira. No núcleo de Bertamiráns os parques beneficiados destas melloras son o parque da praza de Chavián, o do paseo fluvial e o da Horta de abaixo.

O departamento de Obras e Servizo Básicos destinou 83.000€ ao acondicionamento dos parques infantís. Deste orzamento total 36.677,97€ foron parar aos parques do rural e 47.026€ aos parques urbanos.

Novos parques no Plan Ames Progresa
A estas actuacións de mellora hai que sumar os investimentos do Plan Ames Progresa 2021-2023. Dito plan recolle investimentos para esta área por valor de máis de 150.000 euros. O plan inclúe, entre outros, a construción dun parque de aventura no Milladoiro, similar ao xa existente na Condomiña (Ortoño) ou a remodelación do parque infantil do Ameneiral, en Bertamiráns, así como a mellora en investimentos noutros parques do concello.

Ademais, o Concello de Ames estivo a traballar na licitación do servizo de mantemento dos parques infantís municipais co obxectivo de que sexa unha empresa a que se encargue do coidado, acondicionamento e limpeza dos mesmos. Dende o Departamento de Obras e Servizo agardan que este servizo poida entrar en funcionamento no primeiro semestre do ano 2022.

O alcalde, Blas García, resalta a "forte aposta que desde este Goberno se leva facendo polos parques infantís, nos que levamos traballando en varias vías, tales como a mellora da seguridade, a modernización e garantir o mantemento", xa que, continúa dicindo "ao ser Ames un concello tan mozo os parques infantís teñen moito uso e necesitan un coidado importante".

Parques infantís

Multimedia

  • Parques infantís
  • Parques infantís
  • Parques infantís
  • Parques infantís
  • Parques infantís