- Tematica
O Concello de Ames recibiu unha axuda de 34.467,22 euros da Consellería de Política Social, da Xunta de Galicia, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, para a mellora das infraestruturas e equipamento das escolas infantís municipais O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro. As actuacións realizadas, a través da Concellaría de Educación, foron obras de mellora, adquisición de novos equipamentos, así como de novos dispositivos para a integración das novas tecnoloxías.
O proxecto de investimento realizado recolleu a mellora das infraestruturas e dos equipamentos das escolas infantís municipais O Bosque e A Madalena. Executáronse actuacións de obras co fin de acadar unha mellora das condicións térmicas e dotar aos edificios de servizos necesarios; actuacións destinadas á adquisición e mellora do equipamento dos centros, con mobiliario interior; e maila dotación de novos dispositivos para a integración das novas tecnoloxías na aula.
As actuacións destinadas á realización de obras realizadas consistiron na instalación de climatización na escola do Bosque para o patio interior e maila instalación de climatización na Madalena para as aulas de 2-3 anos A e aula de 2-3 anos B. Isto supón unha gran mellora en canto a eficiencia enerxética e das condicións térmicas dos espazos existentes, cunha mellora substancial dos devanditos espazos e da calidade na atención prestada.
As actuacións destinadas á compra de equipamento para EIM A Madalena permitiron dotar de novo mobiliario para colocar na aula de 2 a 3 anos B, para almacenamento xeral a para almacenamento das camitas, xa que dita aula se usa de dormitorio á vez que de aula. Tamén se dotou a esta escola de escaleiras para subir os nenos e nenas aos cambiadores, xa que non dispoñían de escaleira propia tendo que usar as de psicomotricidade. Esta actuación supón unha mellora das infraestruturas da escola dende o punto de vista da eficiencia e sustentabilidade no consumo de recursos, o que implica unha mellora da atención prestada aos nenos e nenas.
As actuacións destinadas á compra de dispositivos para integración das novas tecnoloxías na aula permitiu que a EIM O Bosque dispoña de oito tabletas con tarxeta, tres cámara de fotos, dúas microcadeas musicais, un altofalante e un ordenador portátil. Para a EIM A Madalena mercáronse seis tabletas con tarxeta, un proxector, un ordenador portátil, seis microcadeas musicais e un kit de encerado dixital interactivo (PDI).