Solapas principales

O Concello de Ames difunde na Red Innpulso o proxecto do CEIP de Barouta sobre a aplicación da tecnoloxía e a intelixencia artificial no sector gandeiro

Lunes, 13 de mayo de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Innovación, elaborou un vídeo resumen da presentación feita na sede central de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), por parte do alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Barouta, sobre a aplicación da tecnoloxía e a intelixencia artificial no sector gandeiro. Esta iniciativa, que desenvolveron entre todos como traballo de aula, busca facilitar o traballo dos gandeiros e gandeiras ofrecendo información meteorolóxica en tempo real que lles permita mellorar o rendemento das explotacións. Durante a presentación o alumnado estivo acompañado de persoal do centro de ensino, así como do alcalde de Ames e das concelleiras de Promoción Económica e Educación. O obxectivo é dar a coñecer esta iniciativa na Red Innpulso.

A sede central e a fábrica de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) recibiron o pasado 12 de marzo a visita do alumnado dunha aula de cuarto de primaria do CEIP de Barouta, que presentou un proxecto sobre o uso da intelixencia artificial no sector primario e, máis concretamente, na gandaría. Neste acto estiveron acompañados polo director do centro, Alonso Caxade; a titora de 4° de Educación Primaria, Silvia López; o coordinador do Plan Dixital de Centro, Juan Lago; ademais de polo alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; e a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, dixo “o Concello de Ames pertence á Rede Innpulso e este proxecto enmárcase dentro dese eido da innovación que promove dita rede. Esta é unha mostra máis da colaboración que pode existir entre a comunidade educativa e mailo sector empresarial, xa que moitos dos proxectos que se crean nas aulas poderían ser empregados polas empresas de Ames”.

Para difundir esta iniciativa na Red Innpulso a empresa Mirabelle Comunicación Audiovisual elaborou un vídeo resumen da presentación feita na sede central de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), por parte do alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Barouta, sobre ese innovador proxecto. Esta iniciativa contribúe a destacar o papel de Ames dentro da Red Innpulso como cidade da ciencia e da innovación.

MeteoBarouta: moito máis que información meteorolóxica
Fai uns meses, o alumnado deste centro amesá creou nas súas instalacións unha estación meteorolóxica que ofrece datos en tempo real sobre as condicións climáticas da zona.

A partir deste proxecto, o alumnado quixo ir un paso máis alá, e púxose a traballar na creación dunha aplicación móbil que permitise o acceso inmediato e constante a estes datos, e que emitise alertas cos cambios e variacións detectadas pola estación instalada no colexio. Ademais, trátase dunha iniciativa inclusiva, de utilidade para todas e todos, pois estas alertas van acompañadas de pictogramas e dunha mensaxe de audio para que todas as persoas teñan acceso a esta información.

O alumnado explicou as posibilidades que ofrece este proxecto ao sector primario, en concreto á gandaría en extensivo. Tal e como eles mesmos explican, MeteoBarouta permite crear automatismos para a alimentación e derivación do gando grazas á lectura dos datos da estación meteorolóxica do colexio con intelixencia artificial. Así, por exemplo, en caso de baixada drástica das temperaturas, a interpretación destes datos permitiría bloquear o mecanismo das portas para evitar que o gando pastase no exterior.

Dito proxecto acadou o primeiro premio, valorado en 2.000 euros, dentro da categoría de premios educativos da xornada de innovación “InnovAmes”, que se celebrou no pasado mes de xaneiro no pavillón polideportivo do Milladoiro.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El Concello de Ames cuelga en Internet un video dedicado a los alumnos de Barouta y su aplicación metereológica"

Imaxe da visita a CLUN

Multimedia

  • Embedded thumbnail for