Solapas principales

O Concello de Ames disporá de 986.033 euros a través do POS+ Adicional 2/2024 para sufragar novas obras

Viernes, 02 de agosto de 2024

O Concello de Ames disporá de 986.033,68 euros para a execución de novas obras co cargo ao POS+ Adicional 2/2024 da Deputación da Coruña. Con dita contía vanse executar catro obras (pavimentación de viarios no Castro de Ortoño; senda dende A Ponte Maceira a Carballo; mellora seguridade viaria en Covas; e pavimentación de viarios en Biduído de Arriba), que xa están incluídas no Plan complementario ao POS+ 2024 e que suman un investimento de 731.866,86 euros, correspondente á primeira fase do POS+ Adicional. Ademais, cos 254.166,82 euros restantes, vaise a sufragar o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil, situado en Aldea Nova, que están incluídos na segunda fase do POS+ Adicional. Este proxecto vén de ser aprobado no pleno ordinario do mes de xullo.

O Concello de Ames aprobou en Xunta de Goberno Local a participación no plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2024 da Deputación Provincial da Coruña. O Concello de Ames correspóndelle a contía de 986.033,68 euros que se dedicarán a sufragar cinco novas obras no rural e na urbanización de Aldea Nova.

O importe dos investimentos incluídos no Plan Complementario 2024, por parte do Concello de Ames ascende a 2.711.703,05 euros, e a contía asignada en este plan adicional é de 986.033,68 euros. Dentro de dito plan adicional permítese incluír os proxectos financeiramente sostibles xa incluídos no Plan complementario. Isto permite unha maior axilidade e rapidez na inclusión destas obras no plan adicional, principalmente porque os proxectos xa están aprobados.

Proxectos sufragados co POS+ Adicional 2/2024
Deste xeito, con cargo á primeira fase do POS+ Adicional (proxectos xa incluídos no POS complementario) vanse executar catro obras: pavimentación de viarios no Castro de Ortoño, na parroquia de Ortoño (149.608,76 euros); senda dende A Ponte Maceira a Carballo, na parroquia de Trasmonte (268.737,99 euros); mellora da seguridade viaria en Covas, na parroquia de Covas (128.415,69 euros); e pavimentación de viarios en Biduído de Arriba, na parroquia de Biduído (185.104,42 euros). Estas catro obras suman un importe de 731.866,86 euros.

Debido a que aínda queda un sobrante de 254.166,82 euros, que vai ser incluído na segunda fase do plan adicional, o Goberno municipal propuxo no pleno ordinario de xullo destinar esta contía a sufragar o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil, situado en Aldea Nova. Esta proposta saíu adiante por unanimidade de toda a Corporación municipal. Trátase dun novo investimento financeiramente sostible que non figuraban no Plan complementario ao POS+ 2024.

Dito importe destinarase a cambiar a cuberta do edificio onde se atopan as instalacións da Escola Municipal de Música e de Protección Civil. A cuberta quedará preparada para a creación dunha futura comunidade enerxética na urbanización de Aldea Nova. Dentro deste mesmo proxecto tamén se recolle a rehabilitación da vivenda, que adquiriu o Concello en Aldea Nova, para o persoal da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil de Ames.

1.965.534 euros para sufragar novas obras
O importe de 986.033,68 euros, correspondente ao POS+ Adicional 2/2024, súmase aos 979.500,37 euros (551.672,62 euros da achega provincial 2024 e 427.827,75 euros da achega de 2023) aprobado en pleno extraordinario no pasado mes de febreiro correspondente ao POS+ 2024. En total, o Concello de Ames recibirá este ano da Deputación da Coruña unha contía de 1.965.534 euros, para sufragar novas obras.

O alcalde, Blas García, explica que “o apoio da Deputación da Coruña resulta vital para os concellos da provincia. Só este ano o entre provincial leva investido en Ames máis de 2 millóns de euros. Sen o apoio desta administración as entidades locais estariamos en serios apretos para realizar grandes melloras e investimentos para a nosa veciñanza”.

Por outra banda, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “tal e como anunciamos dende o Goberno municipal, cando tivésemos ocasión, íamos a incluír a senda dende A Ponte Maceira ata Carballo nun plan para poder executala o antes posible, e así o estamos facendo a través deste POS Adicional 2/2024. Tiñamos moi claro que esta obra se ía a executar e que o seu proxecto non ía quedar gardado nun caixón”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Case un millón do Plan Adicional da Deputación para novas obras en Ames"

Co POS+ Adicional vaise a sufragar o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música e de Protección Civil