Solapas principales

O Concello de Ames e Cáritas estudan posibles vías de colaboración para mellorar o sistema de xestión do roupeiro municipal

Domingo, 27 de octubre de 2024

O Goberno municipal está valorando varias opcións para mellorar a xestión do servizo de roupeiro municipal que coordina a Oficina de Voluntariado de Ames. Neste senso, esta semana mantívose unha xuntanza coa directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, que lle explicou ao alcalde e á concelleira de Benestar Social como funciona o sistema de téxtil que xestiona esta entidade. Dende Cáritas solicitaron a colaboración do Concello para poder traballar de xeito conxunto e poder instalar contedores de roupa en Ames. O roupeiro municipal atende arredor de 500 solicitudes ao longo do ano.

O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, mantiveron unha xuntanza esta semana coa directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Pilar Farjas, coa técnico responsable de calidade medioambiental de Arroupa, Eva Martínez, e maila traballadora social de Cáritas, María López.

Cáritas presentou Moda Re, un proxecto de economía solidaria, que aglutina reciclaxe, oportunidades laborais e ecoloxía. Deste xeito, dende Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela crearon Arroupa, que é unha empresa de inserción laboral en materia de reutilización de téxtil. Actualmente no cadro de persoal dispoñen dun cómputo anual do 83% de persoas contratadas seguindo un itinerario de inserción socio-laboral. Contan con 341 colectores e dispoñen de 5 tendas de roupa de segunda man.

A directora de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, Pilar Farjas, explica que na xuntanza mantida co alcalde e coa concelleira de Benestar Social, deron a coñecer o proxecto téxtil de Cáritas e tamén falaron de posibles vías de colaboración co Concello de Ames. Deste xeito, explicaron como é o traballo que realizan en materia de téxtil, como é a recollida de roupa que fan a través de contedores e mailo reparto, etc. Neste senso explicaron que é importante que a roupa que se recolle en Ames quede e se entregue posteriormente entre as persoas que a necesitan do propio concello.

Cómpre destacar que moitas das persoas traballadoras de Arroupa son veciñas de Ames, tendo asinados nestes anos moitos itinerarios de inserción cos servizos sociais do Concello de Ames, nunha colaboración conxunta cara a inclusión socio laboral.

Dende o Goberno municipal mostraron a súa vontade de mellorar o sistema de xestión do roupeiro municipal e están valorando sacar a licitación dito servizo. Neste senso tamén se mostraron dispostos a colaborar con dita entidade nesta e noutras iniciativas. O Concello xa colabora con Cáritas Milladoiro en iniciativas de emerxencia social, entrega de alimentos e de roupa.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “o roupeiro municipal leva prestando un gran servizo entre a veciñanza de Ames dende hai máis de 20 anos. Dende o Goberno municipal trataremos de darlle un pulo para mellorar aínda máis se cabe a súa xestión. O obxectivo é facilitar o traballo das voluntarias e voluntarios que colaboran coa Oficina de Voluntariado de Ames”.

A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, explica que “o sistema de téxtil que xestiona Cáritas funciona moi ben polo que a xuntanza que mantivemos resultou moi produtiva. Solicitaron a nosa colaboración para traballar de forma conxunta na xestión do roupeiro municipal, algo que imos valorar. Tamén teremos que ver se é posible colocar contedores para a recollida de roupa no noso termo municipal. Xa traballamos e colaboramos con Cáritas Milladoiro en varias iniciativa e gustaríanos seguir facéndoo noutros proxectos”.

O roupeiro comezou a funcionar en 2001
Este servizo foi posto en marcha no ano 2001. Actualmente, o Concello de Ames e maila empresa Texlimca teñen un convenio subscrito para colaborar na xestión do servizo do roupeiro municipal. Dita empresa foi a encargada de colocar os contedores en Bertamiráns e no Milladoiro para depositar bolsas con roupa, calzado e complementos. Así facilitase a doazón de roupa e ao mesmo tempo faise a selección do material depositado nos contedores de xeito máis áxil e sinxelo. Deste xeito, o Concello de Ames conta actualmente con un total de oito contedores (catro en Bertamiráns e catro no Milladoiro) para facer doazóns ao roupeiro municipal.

Antes da colocación dos primeiros contedores en setembro de 2022, a veciñanza que quería doar roupa tiña que acudir ás Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns en horario de atención ao público, de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres. Coa colocación de contedores para recoller roupa, calzado e complementos facilítase a doazón deste material, xa que se pode depositar en calquera momento do día. O obxectivo deste servizo é mellorar a xestión do roupeiro municipal, que atende arredor de 500 solicitudes ao longo do ano.

Hai tres grupos de catro voluntarias/os que son as/os encargadas de xestionar os pedidos que chegan ao roupeiro municipal. Os pedidos mais demandados son de roupa para nenos e nenas de 4 a 16 anos, roupa de abrigo (chaquetas, abrigos...) e roupa de cama. Aquelas persoas que queiran doar material máis voluminosos ou enseres infantís teñen que chamar ao número de teléfono 662 377 044, da Oficina de Voluntariado de Ames, ou enviar un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El Concello de Ames estudia vías para optimizar el ropero municipal"

O Concello de Ames e Cáritas estudan posibles vías de colaboración para mellorar o sistema de xestión do roupeiro municipal

Multimedia

  • O Concello de Ames e Cáritas estudan posibles vías de colaboración para mellorar o sistema de xestión do roupeiro municipal
  • O Concello de Ames e Cáritas estudan posibles vías de colaboración para mellorar o sistema de xestión do roupeiro municipal
  • O Concello de Ames e Cáritas estudan posibles vías de colaboración para mellorar o sistema de xestión do roupeiro municipal