- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acordaron o pasado 21 de outubro, na reunión de traballo mantida na Casa do Concello, a cesión por parte do ente provincial da estrada que vai dende A Condomiña ata Bugallido, para que pase a ser unha estrada de titularidade municipal. O Goberno municipal de Ames presentou esta semana na Deputación da Coruña o proxecto de mellora desta estrada, que ten un custo de 1.299.355,31 euros, que será financiado polo ente provincial.
No pasado mes de outubro, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, mantivo unha xuntanza co alcalde de Ames, Blas García, durante a visita feita ás obras de mellora da avenida da Maía e aos traballos de recuperación do campo de fútbol de Ortoño. Durante dito encontro o rexedor municipal solicitoulle ao presidente da Deputación a transferencia da estrada, que actualmente é provincial, entre A Condomiña e Bugallido, para que pase a ser de titularidade municipal.
O alcalde, Blas García, explica que “isto permitirá poder facer diferentes actuacións de seguridade viaria nesta estrada sen ter que pedir permiso á Deputación, e polo tanto axilizando os prazos de xestión e execución". Deste xeito, esta semana o Goberno municipal presentou na Deputación da Coruña o proxecto de mellora desta estrada, que ten un presuposto base de licitación de 1.299.355,31 euros (IVE incluído), que será financiado polo ente provincial.
Mellora da DP-0205 dende A Condomiña a Ortoño
Preténdese a mellora da seguridade viaria na DP-0205, dende A Condomiña (P.Q. 0+000) a Ortoño (P.Q. 1+190), mediante a reordenación do trafico e a execución de sendas en ambas marxes do viario. Crearase un viario de sentido único, mediante a pavimentación con 6 centímetros de aglomerado en quente con sendas a ambos lados e unha plataforma intermedia compartida, formadas por 20 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón. Baixo a senda canalizaranse as pluviais e o alumeado público. Finalmente contemplase a sinalización horizontal co pintado de símbolos e liñas de bordo e a sinalización vertical coa colocación de sinais de sentido único.
Mellora das beirarrúas na DP-0205 dende Ortoño a Bugallido
Ademais, a través de dito proxecto vaise executar a mellora das beirarrúas existentes e a execución de novas beirarrúas con 15 centímetros de zahorra e 15 centímetros de formigón e delimitadas por un bordo de formigón. Dita actuación executarse no tramo que vai de Ortoño (P.Q. 1+190) a Bugallido (P.Q. 2+500). Baixo as beirarrúas canalizaranse as pluviais e as arquetas prefabricadas de alumeado. No tramo final de 230 metros contemplase a ampliación do viario existente ata os 6 metros e a súa pavimentación con con 6 centímetros de aglomerado en quente, previo fresado firme existente e previa ampliación con 15 centímetros de grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
Mellora do firme na DP-0205 dende Ortoño a Bugallido
No tramo viario que vai de Ortoño (P.Q. 1+190) a Bugallido (P.Q. 2+270) vaise a mellorar o firme existente con 6 centímetros de aglomerado en quente, previo fresado do pavimento existente. Ademais, contémplase a mellora do firme dende Bugallido (P.Q. 2+500) a DP-0205 (P.Q. 3+130) con 6 centímetros de aglomerado en quente. Finalmente contemplase a sinalización horizontal co pintado de símbolos e liñas de bordo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames actuará en la carretera que une A Condomiña con Bugallido"
La Voz de Galicia: "La Diputación destinará 1,3 millones al vial de A Condomiña a Bugallido, que pasará a ser de titularidad municipal"
Lindeiros: "A Deputación da Coruña trasferirá a Ames a estrada da Condomiña a Bugallido"