Solapas principales

O Concello de Ames e a Deputación da Coruña investirán 51.000 euros nunha nova área de autocaravanas en Bertamiráns

Lunes, 04 de julio de 2022

O Concello de Ames contará cunha nova área de autocaravanas en Bertamiráns, financiada de xeito conxunto coa Deputación da Coruña. Cun orzamento de 50.982 euros, a estación terá 15 prazas e todos os servizos de abastecemento e saneamento que demandan estes vehículos. O alcalde de Ames, Blas García, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá resolver unha demanda turística nun espazo polo que pasan milleiros de viaxeiros ao ano.

O Concello de Ames contará cunha nova área de autocaravanas en Bertamiráns, financiada de xeito conxunto coa Deputación da Coruña, que aportará o 80% dos fondos. O investimento continúa a aposta conxunta polo turismo do Concello de Ames e do organismo provincial, que considera relevante a aportación económica co fin de potenciar esta tipoloxía emerxente de turismo, que terá unha repercusión directa na hostalaría e no comercio do municipio.

Na sinatura do convenio, o alcalde de Ames e deputado provincial de Promoción Económica, Blas García, explicou que “a construción desta nova área de autocaravanas en Bertamiráns coa axuda da Deputación permítenos seguir aplicando o Plan Municipal de Desenvolvemento Turístico, xa que neste novo espazo poderemos acoller a moitos visitantes doutros lugares e dar a coñecer Ames”.

A nova infraestrutura, que se construirá preto do núcleo urbano de Bertamiráns, contará cunha plataforma habilitada para 15 prazas cunha dimensión de 4 x 7,5 metros para cada unha delas. O aparcadoiro disporá dunha toma para o enchido do depósito de augas limpas e dun sistema de baleirado de augas residuais. Neste caso, as obras contemplan a conexión do saneamento da infraestrutura coa rede municipal e as acometidas para recoller as pluviais en toda a superficie da plataforma de estacionamento. A actuación conta cun orzamento de 50.982 euros, o 80% sufragado pola Deputación, un total de 40.786 euros. As obras, segundo o proxecto presentado, terán unha duración de tres meses.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asegura que “este tipo de turismo, en constante crecemento, ten que ir acompañado de infraestruturas que posibiliten pasar a noite dos visitantes chegados de toda Galicia e da península. Máis aínda tendo en conta o potencial deste concello por mor da súa proximidade coa ruta xacobea”. “Unha das nosas prioridades é potenciar os recursos turísticos dos nosos concellos e neste caso somos conscientes do relevante aumento de viaxes en autocaravanas. Para aproveitalo temos que dotar aos nosos municipios de servizos axeitados como será o caso nesta área de servizo en Ames que permitirá acoller aos viaxeiros que chegan nestes vehículos a nosa provincia”, apuntou.

O Concello de Ames e a Deputación da Coruña investirán 51.000 euros nunha nova área de autocaravanas en Bertamiráns

Multimedia

  • O Concello de Ames e a Deputación da Coruña investirán 51.000 euros nunha nova área de auto caravanas en Bertamiráns