Solapas principales

O Concello de Ames e a FEGADACE conciencian sobre o dano cerebral adquirido na presentación do último libro dos Bolechas

Jueves, 27 de octubre de 2022

A biblioteca municipal do Milladoiro acolleu o martes a presentación do libro ‘Mireia conta que é o dano cerebral adquirido’, un relato especial da serie Os Bolechas en colaboración coa Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) que pretende explicar aos máis cativos as causas e secuelas desa discapacidade. Premendo nesta ligazón podes descargar o libro.

No acto participou a concelleira de Cultura do Concello de Ames, Natividade González, acompañada polo presidente e a directora da FEGADACE, Luciano Fernández e Begoña Hermida. Tamén estivo presente o autor do libro, Pepe Carreiro.

Dous nenos pertencentes a asociación de dano cerebral Sarela, Julia e Pedro, foron os encargados de ler o conto ao resto de participantes na presentación. Para rematar, Pepe Carreiro completou en vivo un debuxo nun portafolio e asinoulles aos cativos presentes unha versión física do libro, que foi entregada a todos os asistentes.

“Ames é un concello pioneiro en canto a sensibilizar aos máis pequenos en temáticas de vital importancia, e unha delas é a do dano cerebral. Explicar e concienciar, a través dos libros e nas bibliotecas, segue a ser a mellor fórmula para achegarnos a eles”, sinalou a concelleira de Cultura, Natividade González.

‘Mireia conta que é o dano cerebral adquirido’ é unha iniciativa coa que se busca que as crianzas respecten a diversidade e aprendan a relacionarse con persoas con dano cerebral adquirido sen prexuízos e respectando as súas diferenzas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os Bolechas de Carreiro abordaron as causas e secuelas do dano cerebral"

O obxectivo do libro é sensibilizar aos máis pequenos sobre o dano cerebral

Multimedia

  • O Concello de Ames e a FEGADACE conciencian sobre o dano cerebral adquirido na presentación do último libro dos Bolechas
  • O Concello de Ames e a FEGADACE conciencian sobre o dano cerebral adquirido na presentación do último libro dos Bolechas