- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e mailo axente de desenvolvemento local do Concello de Ames, Jorge Couñago, mantiveron o pasado 23 de febreiro unha xuntanza coa presidenta da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, María País Fajín, e coa técnica desta entidade, Rosa Mary Cardeso Trillo. Tratouse dunha xuntanza de traballo na que se estableceu unha primeira toma de contacto entre ambas entidades para estudar a posible sinatura dun convenio de colaboración.
O Goberno municipal, representado polo rexedor municipal e pola concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, xunto co axente de desenvolvemento local do Concello de Ames, Jorge Couñago, mantiveron un encontro de traballo con representantes da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela. En dita reunión participaron a súa presidenta, María País Fajín, que foi recentemente elixida presidenta de dita entidade, e maila técnica da Cámara de Comercio, Rosa Mary Cardeso Trillo.
Dende a Cámara de Comercio propuxéronlle ao Concello a posible sinatura dun convenio de colaboración co obxectivo de que técnicos de dita entidade realicen sesións de titorización con emprendedores/as e con persoal de empresas de Ames. Dita entidade envioulle ao Concello unha proposta que se vai estudar para decidir se se asina un convenio coa Cámara de Comercio.
Ademais, dende o Concello comprometéronse a estudar a cesión dun espazo nalgunha das instalación municipais para que un/unha técnico da Cámara de Comercio poida realizar ditas titorías e asesorar a emprendedores/as e empresarios/as.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca “a boa acollida que tivo a proposta feita pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela. Ofrecéronnos un servizo que ata o de agora non temos no concello de Ames, polo que todas as iniciativas que estean dirixidas a mellorar o asesoramento e formación do noso tecido empresarial son positivas. Teremos que estudar a proposta que nos enviaron para ver se é posible asinar un convenio co obxectivo de establecer unha colaboración entre ambas institucións”.
Para este mes de marzo está previsto que a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organice unha primeira actividade no concello de Ames. Será o martes, 28 de marzo, en horario de 10.00 a 12.00 horas, no centro Coworking A Proa, no Milladoiro. Impartirase o obradoiro Digital Journey Map; Que tecnoloxías podo incorporar?